ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A produción gandeira e a horta, na terceira sesión das “Xornadas sobre oportunidades do medio rural” no Barco

Antonio Arias e Rogelio Carrera expoñían as súas experiencias nestes eidos na tarde do 7 de xaneiro no Barco

Horticultura e gandería. Sobre estas dúas actividades poñíase o foco na terceira sesión das “Xornadas sobre as oportunidades do medio rural”, que se retomaban, tras o parón festivo, neste luns 7 de xaneiro no edificio multiusos do Barco.

Neste caso contábase con dous ponentes, Rogelio Carrera Fernández e Antonio Arias Martínez, que contaban a súa experiencia tras desenvolver proxectos no rural en materia de hortofroiticultura e gandería, respectivamente. Ambos eran presentados polo alcalde do Barco, Alfredo García, quen destacou o interese de compartir estas experiencias das “que podemos sacar algunha conclusión e iniciativa que nos leve a vivir do campo e no rural e, ao mesmo tempo, a combatir a maleza con determinadas explotacións”.

O primeiro en tomar a palabra era Rogelio Fernández, natural de Casaio (Carballeda de Valdeorras), quen explicaba a súa volta ao campo, e en concreto á horta, tras décadas traballando no sector da lousa. “Intento traballar todo de forma tradicional. Na miña horta só entra abono natural, palla e algún condimento burgalés”. Amosaba a súa forma de traballar a terra e de coidar os diferentes produtos. A parte de producir diferentes verduras, tamén conta cunha gran cantide de oliveiras.

De seguido, o barquense Antonio Arias Martínez expoñía a súa experiencia como gandeiro, unha profesión que compatibiliza coa de axente forestal. “Na miña casa son a terceira xeración de gandeiros”, destacaba e explicaba como ten ido evolucionando a súa explotación dende a época do seu avó, onde o gando era de leite, en intensivo e tamén se usaba como animais de tiro nos labores agrícolas; ata a actualidade, na que xunto á súa muller Isabel leva unha explotación con 30 cabezas para a produción de carne.

A vindeira cita destas xornadas será o 15 de xaneiro da man de Rubén Gutiérrez, director do departamento Agro de Aceites Abril, quen falará sobre “A recuperación do olivar galego, proxectos de produción de oliva en Galicia”.

Fotos: A.R./ Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button