OurenseÚltima hora

A produtora Beli Martínez, primeira galardoada co premio Chano Piñeiro do OUFF

Esta distinción, que se concederá por primeira vez este ano, recoñece o esforzo dos emprendedores do audiovisual galego

A produtora Beli Martínez./ Cedida.

 

A produtora e profesora Beli Martínez recibirá o premio Chano Piñeiro na próxima edición do Ourense Film Festival (OUFF). Carmen Leyte, presidenta da Fundación Carlos Velo, organizadora do certame co apoio principal da Deputación de Ourense, foi a encargada de comunicarlle o galardón, un “recoñecemento polo seu labor desde Filmika Galaika ó apostar nos últimos anos por potenciar e dar a coñecer unha fornada de novas creadoras e creadores galegos, facendo posible a realización dos seus soños audiovisuais con notable proxección internacional”.

O OUFF institúe por primeira vez o premio Chano Piñeiro como “recoñecemento ós emprendedores do audiovisual galego, profesionais que dende diferentes frontes sacan adiante os seus proxectos, en ocasións á marxe da industria estandarizada”. Así é como o cinesasta de Forcarei logrou facer realidades, entre 1985 e 1989, a súa primeira longametraxe, “Sempre Xonxa”, rodada na comarca de Valdeorras, botando man de solucións imaxinativas para atopar os apoios económicos necesarios e a complicidades emocional da sociedade galega. Por iso o premio leva o seu nome.

Beli Martínez (A Guarda, 1980) é responsable, dende Filmika Galaika, de longametraxes coma “Longa Noite”, de Eloy Enciso, galardoado no prestixioso Festival de Locarno; “Those that, at a distance, resemble another”, de Jessica Sarah Rinland ou “Arraianos”, tamén de Enciso. Unha das súas producións máis recentes é a curtametraxe “Sycorax”, de Lois Patiño e Matías Piñeiro, que foi seleccionada para participar na Quincena de Realizadores do último Festival de Cannes. Tamén produciu “Eles transportan a morte”, que foi parcialmente rodada en Ourense.

Ademais, Martínez é Doutora en Comunicación Audiovisual e exerce a docencia na Universidade de Vigo e o IES Audiovisual de Vigo. A súa tese doutoral foi pioneira en estudar o Novo Cinema Galego.
A galardoada recibirá o premio na gala inaugural do OUFF, o próximo 24 de setembro, en presenza da viúva de Chano Piñeiro, Mariluz Montes.

Artigos relacionados

Back to top button