En portadaÚltima hora

A produtora Portocabo, que dirixe o valdeorrés Alfonso Blanco, presenta a serie “Auga seca” no OUFF

Trátase dun novo thriller televisivo que se centra no tráfico de armas e nas súas conexións co mundo empresarial

Un dos momentos da presentación./ Foto cedida.

 

Cun total de seis capítulos, “Auga seca” é un novo thriller televisivo coproducido pola galega Portocabo, cuxo director xeral é o valdeorrés Alfonso Blanco, e a portuguesa SP-i, coa colaboración da TVG e a canle portuguesa RTP, que se volven a unir despois do éxito acadado coas colaboracións anteriores como “Vidago Palace”.

Este proxecto presentábase neste 28  de setembro no 24ª Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). No acto contábase coa asistencia de Alfonso Blanco, produtor da serie, e do director de Proxección Social da TVG, Xaime Arias. Alfonso Blanco amosábase encantado con esta nova produción ambientada na cidade de Vigo e que conta “con gran presenza de ourensáns, tanto no equipo técnico, como con actores como Sergio Pazos ou Eva Fernández. Eu tamén son ourensán e ademais comecei a interesarme polo cine aquí da man do Cineclube.”

Blanco explicou que “queríamos presentar a serie no OUFF a serie pero seleccionáranos para un prestixioso festival internacional de series e tiñamos que estreala alí en exclusiva. Está tendo unha gran acollida no mercado internacional e cremos que é grazas ao éxito de “Hierro”. Xa temos un acordo cunha das grandes distribuidoras internacionais”.

 

César Silva, responsable de programación del OUFF; Xaime Arias, director de Proxección Social da TVG; e Alfonso Blanco, director xeral da produtora Portocabo (á dereita)./ Foto cedida.

 

Sobre “Auga seca” destacou que era unha serie que “conecta coa verdade. A serie está volcada cara o mar, rodada entre Vigo e Lisboa, e é moi naturalista porque queremos que conecte co espectador. Se todo vai ben, está prevista que haxa unha segunda tempada para darlle final á historia”.

Pola súa banda, Xaime Arias fixo fincapé no apoio que a TVG ofrece a ficción feita en Galicia. “As cousas non saen soas senón que hai moito traballo detrás. Nós apoiamos a Portocabo dende o inicio e estamos moi orgullosos de que triunfe e de que se internacionalice. A TVG pode abrir o camiño pero é necesario que haxa detrás empresas con talento coma esta”.

A serie, que conta co apoio de Agadic, céntrase no tráfico de armas e as súas conexións co mundo empresarial. Está protagonizada pola actriz portuguesa Vitoria Guerra e os galegos Monti Castiñeiras, Cris Iglesias, Manolo Cortés ou Tacho González ademais dos xa citados Sergio Pazos e Eva Fernández.

Artigos relacionados

Back to top button