En portadaÚltima hora

A provincia de Ourense, cercada polos lumes

Entre a decena de incendios rexistrados, dous teñen Situación 2 pola proximidade das chamas ás casas: Sabariz (Rairiz de Veiga) e Montes (Cualedro)

Incendio de Sabuguido en Vilariño de Conso./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Domingo especialmente complicado na provincia de Ourense polo gran cantidade de lumes activos que se rexistran, dous deles ademais con Situación 2, como medida preventiva, pola proximidade das chamas ás casas: Sabariz (Rairiz de Veiga) e Montes (Cualedro).

Así no lume que se iniciaba ás 13:44 h. no municipio ourensán de Rairiz de Veiga, parroquia de Sabariz, declarábase o nivel 2 por proximidade ao núcleo de Guillamil e tamén se pedía a colaboración da Unidade Militar de Emerxencias(UME), tal e como informa Medio Rural. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta 60 hectáreas. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta 60 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse 3 axentes, 7 brigadas, 7 motobombas e 9 avións.

 

Incendio de Cualedro./ Cedida.

 

Por outra banda, foi decretada, así mesmo, esta mesma Situación 2 no incendio rexistrado no concello ourensán de Cualedro, parroquia de Montes, neste caso por proximidade ao núcleo de Carzoá e solicitada tamén a intervención da UME. O incendio iniciouse ás 14:48 h. e afecta unhas 250 hectáreas, segundo as últimas estimacións. Para o seu control mobilizáronse 2 axentes, 8 brigadas, 5 motobombas, 6 helicópteros e 4 avións, segundo informa a Consellería de Medio Ambiente.

Entre os incendios activos tamén está o de Sabuguido (Vilariño de Conso), que afecta xa a unhas 500 hectáreas. Ademais do de Laza, que está activo desde as 20:29 horas de onte o incendio do municipio ourensán de Laza, parroquia de Camba, e que afecta arredor de 50 hectáreas, segundo as últimas estimacións provisionais. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 4 axentes, 10 brigadas, 3 motobombas, 2 pas e 4 avións.

A Gudiña

Dende as 20:47 h. de onte permanece activo o lume do concello ourensán da Gudiña, parroquia de Pentes. As últimas estimacións provisionais indican que rolda as 150 hectáreas de superficie afectada. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 7 axentes, 16 brigadas, 10 motobombas, 1 pa e 3 helicópteros.

 Vilar de Barrio

Continúa activo, dende as 11:52 h. de onte, o lume rexistrado no concello ourensán de Vilar de Barrio, parroquia de Rebordechau. De acordo coas últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 450 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 10 axentes, 32 brigadas, 16 motobombas, 2 pas, 10 helicópteros e 14 avións.

Lobios

Dende as 19:40 h. de onte está activo un lume no municipio ourensán de Lobios, parroquia de Río Caldo, que afecta o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie de arredor de 500 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 4 axentes, 18 brigadas, 6 motobombas, 6 helicópteros e 5 avións.

 

Incendio en Lobios./ Cedida.

 

Chandrexa de Queixa

Así mesmo está activo desde as 16:07 h. un incendio na parroquia de Queixa (Chandrexa de Queixa) que afecta, segundo as últimas estimacións, arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 1 axente, 4 brigadas, 1 motobomba e 1 helicóptero.

Maceda

Neste concello iniciáronse simultaneamente dous lumes, ambos na parroquia de Castro de Escuadro, ás 15:04 h. desta tarde, o que indica unha clara intencionalidade. Entre os dous afectan unha superficie aproximada de 100 hectáreas. Para o control destes dous lumes mobilizáronse ata o momento 5 axentes, 5 brigadas e 8 motobombas.

Controlado o incendio de Hospital (Quiroga)

Por outra banda, segue tamén controlado dende as 20,27 h. de onte o incendio do concello lugués de Quiroga, parroquia do Hospital, que se iniciara o venres ás 00,03 h. Segundo as últimas medicións, afecta 53,09 hectáreas de superficie, das cales 34,12 son arboradas e as 18,97 restantes rasas. Para o seu control lévanse mobilizado 12 axentes, 38 brigadas, 22 motobombas, 2 pas, 7 helicópteros e 6 avións.

 

Artigos relacionados

Back to top button