EconomíaEconomíaÚltima hora

A provincia de Ourense concentra o 75% da produción galega de castaña

Destacábao o conselleiro do Medio Rural na XXV Festa da Castaña e do Cogomelo de Riós, onde tamén poñía en valor o Plan de recuperación de soutos tradicionais de Galicia

 

A maior parte da produción galega de castaña sae dos soutos ourensáns. Esta provincia concentra o 75% da produción da comunidade polo que “é preciso reforzar este sector e consolidar a calidade do produto no mercado”, tal e como sinalaba o conselleiro do Medio Rural, José González, durante a XXV Festa da Castaña e do Cogomelo de Riós, que se celebraba na mañá deste 3 de novembro.

Ademais o conselleiro poñía en valor o Plan de recuperación dos soutos tradicionais de Galicia que “permitirá dinamizar o rural e impulsar o sector da castaña”. Segundo explicaba José González, o plan consta de tres fases que teñen como obxectivo “recuperar parte do noso pasado para convertelo no noso futuro”.

Nunha primeira fase procederase a identificar e caracterizar os soutos tradicionais existentes en Galicia para logo, nunha segunda parte, analizar a viabilidade de xestión das zonas produtivas destes soutos e as posibilidades de transformación e comercialización do produto. Finalmente, e xa nunha terceira fase, explicou o conselleiro, abordarase a implantación dun modelo de aproveitamento deses soutos, coa finalidade última de que sexa un elemento dinamizador do territorio rural e será totalmente compatible coas novas plantacións de castiñeiros que se están a impulsar.

Neste senso, José González salientou que a estratexia do seu departamento pasa por manter a propiedade dos soutos nos habitantes das aldeas e buscar fórmulas de tipo cooperativo ou asociativo que permitan o agrupamento para a súa xestión de forma conxunta. Isto, matizou, permitirá xerar emprego e valor engadido no rural galego ao impulsar o sector transformador da castaña.

O sector da castaña, subliñou o conselleiro, xera a través da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia un valor económico de máis de 470.000 euros e está composto por máis de 150 produtores e 1.260 hectáreas de superficie.

Novas soltas de Torymus sinensis

O titular de Medio Rural avanzou que “se vai seguir traballando na loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro, para conseguir uns soutos fortes e cun produto de alto valor”. Neste senso, informou de que no vindeiro ano 2020 se realizarán soltas do parasito torymus similares ás do presente exercicio, xa que segundo os últimos datos recollidos, “o parasito estase asentando nos soutos dos castiñeiros da nosa comunidade e, polo tanto, considérase que empeza a ser efectiva esta medida para loitar contra os danos ocasionados pola avespiña do castiñeiro”.

Unha medida, sinalou o conselleiro, que se compaxina coa investigación para dispoñer do mellor material xenético e garantir que as variedades escollidas son as máis axeitadas para a zona na que se planten.

Finalmente, e no relativo á potenciación dos produtos de calidade, o conselleiro indicou que unha das liñas estratéxicas do seu departamento pasa pola promoción dos produtos de calidade, entre eles a castaña. Así, sinalou que Galicia é un referente en produción agroalimentaria de calidade, polo que é preciso potenciar o seu recoñecemento mediante unha forte promoción dos 35 selos de calidade co obxectivo claro de que os produtores acaden mellores prezos e se consolide o seu prestixio a nivel internacional.

Artigos relacionados

Back to top button