SanidadeÚltima hora

A provincia de Ourense non rexistra un aumento de pacientes alérxicos a avespas

Tan só un 10% da súa poboación sofre unha reacción adversa tras unha picadura destes insectos, segundo o Servizo de Alergoloxía do Hospital Universitario de Ourense
Exterior do Hospital de Ourense./ Foto: Carlos Asensio-Arquivo.

Pese aos casos con resultados fatais por reacción alérxica grave á picadura de avespas que se teñen dado en Galicia nos últimos días, dende o Servizo de Alergoloxía do Hospital Universitario de Ourense aseguran que “non se está detectar na provincia un incremento de pacientes alérxicos a estes insectos, grupo de risco que representa entre o 1 e 4% da poboación, e que poderían sufrir unha reacción alérxica severa e potencialmente mortal”.

Tamén se matiza dende este servizo que esta situación “non é extrapolable a outras áreas, sobre todo na costa, onde se está a rexistrar un aumento no número de casos, probablemente derivados do incremento da diseminación das avespas, consecuencia das chuvias e abundacia de alimento, o que favorece a presenza máis niños activos, así como a extensión doutras especies de véspidos, como a vespa velutina ou avespa asiática”.

Para evitar os riscos das alerxias causadas pola súa picadura, na actualidade, 159 pacientes ourensáns están a tratamento de inmunoterapia. A vacinación con veleno de himenópteros é o tipo de inmunoterapia máis eficaz, cunha efectividade do 97%, o que reduce os riscos dunha picadura, habitual nesta época do ano. Dos pacientes a tratamento en Ourense, o 63% son alérxicos ao veleno de avespa, 101, e o resto de abella.

O proceso de inmunización ten unha duración de cinco anos, cunha dose mensual o primeiro ano, e espazándose estas non tempo nos subseguintes. Estas vacinas inclúen unha mínima dose de veleno purificado, dos insectos responsables de maioría destas alerxias: a abella do mel (Apis mellifera), as avespas papeleiras ou “Polistes”, e as comúns ou “vespulas vulgaris”, vacina máis estendida, que en Ourense reciben 75 pacientes, e que tamén cubre a alerxia a familia das asiáticas ou Vespa Velutinas, xa que seu componente alerxénico principal é moi similar, segundo se informa dende o Sergas.

Tipos de reaccións ante a picadura

Tan só un 10% da poboación sofre unha reacción adversa, tras unha picadura de himenópteros, avispas ou abellas, aínda que só unha pequena parte, menos do 1% dos nenos e entre do 0,8 e o 4% dos adultos, experimentan un cadro xeneralizado grave ou anafilaxia, que poida poñer en perigo a súa vida, din dende o Sergas.

Ante a picadura dunha abella ou avespa a consecuencia máis frecuente é unha reacción local e ante os síntomas habituais, picor e enrojecimento local,aconséllase aplicar na zona auga fría e, de telo a man, amoníaco rebaixado con auga.

A manifestación máis grave da alerxia é a anafilaxia, reacción alérxica grave, de instauración rápida e potencialmente mortal. Súa principal característica e unha reacción de inicio agudo, que vai desde uns minutos a dúas horas, con afectación cutánea en forma de urticaria, angioedema ou eritema acompañado de, polo menos, un destes síntomas: dificultade respiratoria; baixa tensión arterial e/ou malestar gastrointestinal como dor abdominal, diarrea ou vómitos.

Os síntomas da anafilaxia poden ser de intensidade leve a grave. Coñecéndose como shock anafiláctico cando tras o contacto co alérxeno, neste caso o veleno do insecto, aparecen síntomas bruscos, de carácter grave, con caída da saturación de osíxeno, perda de conciencia, alteracións circulatorias con hipotensión, perda do ritmo cardíaco ou incluso parada cardiorespiratoria.

Se os síntomas son intensos o tratamento indicado é adrenalina inxectada vía intramuscular. A adrenalina é o medicamento capaz de salvar a vida en caso de anafilaxia, por elo, aconsellase a estes pacientes que leven sempre consigo un kit de emerxencia con adrenalina autoinxectable, ademais de antihistaminicos ou corticoides, para tomar a continuación. Xunto a elo, é importante informar ás persoas da súa contorna, sobre os síntomas de alerta e como administrala en caso de non poder facelo eles mesmos.

Artigos relacionados

Back to top button