PolíticaÚltima hora

A provincia de Ourense, representada por 14 deputados no Parlamento galego

A única que non tomaba posesión era a ruesa María G. Albert (BNG), polo avanzado estado do seu embarazo

 

Do total de 75 deputados do Parlamento de Galicia, 14 foron elixidos pola provincia de Ourense. Deles 8 son do PP (un menos que na anterior lexislatura): Marisol Díaz, Miguel Ángel Santalices, José González, Marta Nóvoa, Antonio Rodríguez, Noelia Pérez, Gabriel Alén e José Antonio Armada. Todos eles xuraron o cargo.

Ademais a provincia conta con 3 deputados socialistas, Marina Ortega, Juan Carlos Francisco e María del Carmen Rodríguez; que prometían os seus cargos. Tamén con outros 3 do BNG, dos cales dous tomaban posesión nesta sesión coa seguinte fórmula: “Comprométome a ser fiel a Galiza e defender os dereitos nacionais e sociais das galegas e galegos e a súa liberdade, por imperativo legal, prometo”.

A terceira, a concelleira ruesa María G. Albert, non podía facelo nesta sesión debido ao avanzado estado do seu embarazo, pero si ten previsto tomar posesión do seu escano na seguinte.

 

Marisol Díaz.

 

Marisol Díaz (PP): “Espero que esta lexislatura sexa a das persoas”

A deputada ourensá Marisol Díaz, que encabeza á lista do PP pola provincia de Ourense, destacaba a súa ilusión tras asumir o cargo neste 7 de agosto. “Para unha persoa que sente un partido, un servizo público e o traballo do día a día como deputada, creo que é moi importante un día como hoxe. Cada vez que acudo ao Parlamento, ese traballo, esa ilusión, esa experiencia, sobre todo o coñecemento da administración, é o que pretendo aportar, e espero que esta lexislatura sexa a das persoas, porque é este momento o de pensar nas persoas e ese o traballo que dende aquí reivindicarei como deputada como representante da miña provincia, para Ourense, pero tamén para Galicia”, aseguraba tras rematar a sesión parlamentaria.

 

Noa Presas.

 

Noa Presas (BNG): “Temos que conseguir que os hospitais de Valdeorras e Verín se manteñan como hospitais comarcais e que estean ben dotados” 

“Inicio esta lexislatura con moito optimismo, con moita ilusión porque creo que particularmente en Ourense e en Lugo ter triplicado o resultado, e ser sergunda forza vai ser moi positivo, xa que son dúas zonas moi castigadas con problemas moi particulares e que, en ocasións, non teñen o peso político suficiente”, destacaba Noa Presas nada máis encetar a súa segunda lexislatura como parlamentaria galega.

“Nesta ocasión”, engadía, “a ampla representación do BNG espero que se traduza tamén en que multipliquemos o noso traballo no territorio e iso faga cambios positivos para esta parte do noso país e máis aínda cunha deputada valdeorresa que vai ser un luxo nesta lexislatura”, indicaba aludindo á ruesa María Albert.

Con respecto ás temáticas nas que porá o foco, Presas adianta dúas.  “Un aspecto que é moi importante para a provincia de Ourense é conseguir que os dous hospitais comarcais (Valdeorras e Verín) sexan hospitais comarcais e non ambulatorios grandes e  que estean ben dotados. Por outra banda, está o referido ás infraestruturas, que foi unha cuestión que dende o BNG intentamos traballar moito, especialmente as ferroviarias, pero tamén por estrada e aí temos importantes retos e que se somos capaces de presionar politicamente se vai ver, como aconteceu estes días co verquido no Sil. Unha vez que esas cuestións collen un protagonismo político, actívase unha resposta por parte das administracións, e aí temos un camiño importante no que traballar”, adiantaba.

 

Marina Ortega.

 

Marina Ortega (PdeG-PSOE): “A reconstrución social e económica é primordial”

Marina Ortega era a primeira deputada ourensá en tomar posición. Tras constituírse a Mesa do Parlamento, da que forma parte como vicesecretaria, prometía o cargo do que será a súa primeira lexislatura na cámara galega. “É unha honra tanto representar aos galegos/as como deputada como ser a vicesecretaria da Mesa do Parlamento e intentarei estar á altura das responsabilidades, dar o mellor de min e toda a forza do grupo e do equipo que levamos o PSdeG nesta lexislatura e estamos cheos de ilusión e con moitísimas ganas de traballar xa para os galegos”, resaltaba.

Considera primordial “a reconstrución social e económica no noso país” e incide en que os catorce deputados/as do grupo parlamentario socialista “imos traballar para multiplicarnos e ser o dobre. Temos a meta de poder mellorar a calidade de vida das persoas, e, sobre todo de paliar os efectos da crise nas persoas máis vulnerables”.

Asegura que Galicia e, Ourense de xeito especial, ten moitos retos por diante en ámbitos como o industrial, o sanitario, o da política social ou o da loita contra os incendios forestais. “Imos abrirnos á sociedade, queremos que alá onde se teña un problema sexamos accesibles e estar aí para as persoas, que poidan comentarnos os seus problemas e poderlles dar solución, porque en definitiva, para min a prioridade é poder cambiar a vida das persoas para mellor”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información e fotos:
https://www.osil.info/arranca-a-xi-lexislatura-do-parlamento-galego/

Artigos relacionados

Back to top button
Close