OurenseÚltima hora

A provincia de Ourense suma 498 denuncias administrativas no estado de alarma

O dispositivo de control de tráfico refórzase coa chegada dos festivos de Semana Santa, nos que se manteñen as restriccións e non está permitido desprazarse a segundas residencias nin áreas vacacionais

 

O Sector de Tráfico da Garda Civil interpón 100 denuncias ao día en Galicia. En total foron 2.290 denuncias administrativas nos 23 días que van do 16 de marzo ata o 7 de abril, segundo daba a coñecer o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, na mañá deste xoves 9 de abril.

Ademais, matizaba que o promedio empezou en 57 denuncias diarias durante a primeira semana, pero ten ido medrando de manera paulatina. Así, dende o pasado 29 de marzo a media está en torno ás 120 denuncias administrativas ao día. Javier Losada amosaba neste senso a súa preocupación por estos datos e facía un chamamento a cumprir coas normas para evitar a propagación do COVID-19.

Por provincias, o maior número de denuncias rexístrase en Lugo (655), pola dispersión poboacional que fai que sexa unha das principais zonas de traballo do Sector de Tráfico da Garda Civil, con máis actividade lonxe das cidades, segundo a Delegación do Goberno. Tras Lugo sitúanse as provincias da Coruña (618), Pontevedra (519) e Ourense (498).

Aínda, o delegado do Goberno en Galicia valoraba positivamente a melloría dos datos das fins de semana. Os días 21 e 22 de marzo foron interpostas un 51% das denuncias desa semana, mentres que a fin de semana do 28 e 29 baixou ata un 34% e os días 4 e 5 de abril, a redución chegou ao 30%. Isto demostra, segundo Losada, que o cumprimento é maior durante estes días, que coinciden cun aumento dos controis.

 

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada.

 

A xornada con maior número de denuncias foi a do 22 de marzo, con 203. Despois baixaron durante varias xornadas, aínda que dende o día 28 todas os días superáronse as 100 denuncias, excepto o día 31, con 87.

Tendo en conta este incremento, e con motivo da chegada dos festivos da Semana Santa, vanse reforzar os controis nas estradas galegas. Javier Losada lembra que durante estas xornadas siguen as restriccións e non se permite desprazarse a segundas residencias nin áreas vacacionais.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button