En portadaÚltima hora

A provincia, golpeada polo lume cunha ducia de incendios activos

Entre eles están os de Vilariño de Conso, Manzaneda, A Gudiña e Chandrexa de Queixa

Labores de extinción no incendio de Pentes (A Gudiña)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Unha ducia de incendios permanecen activos  en diferentes concellos da provincia de Ourense que superan as 20 hectáreas de afectación, segundo informa a Consellería do Medio Rural. Nun deles, o da parroquia de Montes (Cualedro) vén de desactivarse a Situación 2, decretada como medida preventiva pola proximidade do lume ao núcleo de Carzoá.

Este incendio iniciouse ás 14:48 h. do domingo e, segundo as últimas estimacións, afecta unhas 1.300 hectáreas. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Para o seu control mobilizáronse 7 axentes, 9 brigadas, 11 motobombas, 5 pas, 6 helicópteros e 4 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Continúa activo o lume declarado ás 13:44 h. do domingo na parroquia de Sabariz do municipio ourensán de Rairiz de Veiga, que permanece activo arestora. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unhas 300 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse 12 axentes, 18 brigadas, 19 motobombas, 2 pas e 9 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Chandrexa de Queixa

Está activo desde as 16:07 h. do domingo un lume na parroquia de Queixa, concello de Chandrexa de Queixa, e que afecta provisionalmente unha superficie dunhas 400 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 1 técnico, 4 axentes, 13 brigadas, 6 motobombas, 2 pas e 3 helicópteros.

 

Incendio en Queixa, Chandrexa de Queixa./ Foto cedida.

 

Manzaneda

Segue activo desde as 5:32 h. un lume no concello de Manzaneda, parroquia de Cernado, que afecta provisionalmente unhas 150 hectáreas de superficie. No seu control traballan diversos medios terrestres.

Tamén permanece activo desde as 2:40 h. desta madrugada outro lume neste concello, na parroquia de Paradela, ao que se lle uniu un terceiro rexistrado na parroquia de San Martiño, “o que evidencia a clara intencionalidade nos lumes deste concello”, din dende Medio Rural. Entre os dous suman unha superficie provisional dunhas 50 hectáreas. No lugar están traballando 5 axentes, 12 brigadas, 9 motobombas, 2 avións e 1 helicóptero.

Vilariño de Conso

Continúa activo, desde as 02:22 horas do domingo, o lume do concello ourensán de Vilariño de Conso, parroquia de Sabuguido, que segundo as últimas estimacións afecta unhas 2.000 hectáreas. Para o seu control lévanse mobilizado 12 axentes, 20 brigadas, 13 motobombas, 4 pas, 12 helicópteros e 9 avións.

Lobios

Dende as 19:40 h. do sábado está activo un lume no municipio ourensán de Lobios, parroquia de Río Caldo, que afecta o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie de arredor de 2.000 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 11 axentes, 29 brigadas, 13 motobombas, 1 pa, 10 helicópteros e 5 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Vilar de Barrio

Continúa activo, dende as 11:52 h. do sábado, o lume rexistrado no concello ourensán de Vilar de Barrio, parroquia de Rebordechau. De acordo coas últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 700 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 11 axentes, 34 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 11 helicópteros e 14 avións.

Laza

Segue activo desde as 20:29 h. do sábado o incendio do municipio ourensán de Laza, parroquia de Camba, e que afecta arredor de 60 hectáreas, segundo as últimas estimacións provisionais. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 5 axentes, 14 brigadas, 3 motobombas, 2 pas e 4 avións.

Ribas de Sil (Lugo)

Tamén está activo un incendio no municipio lugués de Ribas de Sil, parroquia de Peites, desde as 1,44 h. desta madrugada que comezou en 4 focos, o que evidencia tamén a intencionalidade neste caso. Segundo as primeiras estimacións, afecta unha superficie de máis de 60 hectáreas. No seu control traballan 2 axentes, 14 brigadas, 10 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.

Vilardevós

Activo desde as 1:04 h. desta madrugada un lume en Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervo. Segundo as primeiras estimacións, a superficie afectada é dunhas 300 hectáreas. No seu control participan 5 axentes, 8 brigadas, 8 motobombas, 3 pas e 7 helicópteros.

Estabilizados os de Pentes (A Gudiña) e os de Castro de Escuadro (Maceda)

Está estabilizado dende as 10:23 h. o lume que se rexistraba ás 20:47 h. do sábado no concello ourensán da Gudiña, parroquia de Pentes. As últimas estimacións provisionais indican que rolda as 150 hectáreas de superficie afectada. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 8 axentes, 18 brigadas, 12 motobombas, 1 pa e 3 helicópteros.

Neste concello iniciáronse simultaneamente dous lumes, ambos na parroquia de Castro de Escuadro, ás 15,04 h. do domingo, quedando estabilizados ás 0,36 h. desta madrugada, o que indica unha clara intencionalidade. Entre os dous afectan unha superficie aproximada de 130 hectáreas. Para o control destes dous lumes mobilizáronse ata o momento 9 axentes, 10 brigadas, 10 motobombas e 3 pas.

 

Artigos relacionados

Back to top button