DeportesGalerías de fotosÚltima hora

A quiroguesa Carolina Camino, convocada pola Selección Absoluta Española de Voleibol

A xogadora do CV Ribeira Sacra forma parte da Concentración Permanente en Soria

Con só 15 anos, a deportista quiroguesa (con ascendencia no Bolo) Carolina Camino, está chegando ao máis alto do voleibol nacional feminino. Leva xa varios meses coa Concentración Permanente de menores en Soria, e sen deixar de lado ao seu equipo, o CV Ribeira Sacra co que participa en diferentes competicións por toda España, será convocada por primeira vez pola Selección Española Absoluta.

A nova dábana dende o club monfortino asegurando que “este espaldarazo significa un recoñecemento xa que levamos aportado moitas xogadoras tanto á Selección Absoluta como á Concentración Permanente” e desexando que “sexa un alicerce para outras xogadoras que en Monforte practican o voleibol”, din.

 

Carolina Camino coa selección española cadete de voleibol.

 

Como a xogadora máis xove do equipo, Carolina estará concentrada do 16 ao 22 de xuño no Centro de Alto Rendemento de Sant Cugat (Barcelona), baixo a dirección do actual seleccionador nacional Pascual Saurín, e nela estarán varias deportistas máis da Concentración Permanente, completando o plantel xogadoras que actualmente están disputando a Liga Europea Absoluta. Ademais dos adestramentos, na concentración xogaranse varios encontros con outras seleccións para “ir acoplando ao equipo novas xogadoras de cara ao futuro”, conclúen dende o Ribeira Sacra.

Fotos: Chris Overkleeft.

 

Artigos relacionados

Back to top button