DeportesÚltima hora

A quiroguesa Carolina Camino vén de ser convocada pola Selección Española de Voleibol Sub18

Defenderá as cores de España no Torneo WEVZA que se celebrará do 9 ao 15 de xullo en Wiesbaden (Alemaña)
Carolina Camino Fernández está concentrada en Sant Cugat (Barcelona).

Carolina Camino Fernández, natural de Quiroga (Lugo) con ascendencia en terras do Bolo, iniciouse no mundo do voleibol da man de Antonio García no colexio Manuel Respino da Rúa onde xogou ata que se desprazou á localidade lucense onde fichou polo CV Ribeira Sacra. Anos despois deses inicios e con só 15 anos, a evolución desta xove deportista de algo máis de 1,80 de estatura e cualidades innatas, foi en constante ascenso e hoxe dá un paso máis, ao ser convocada pola Selección Española Sub 18 para participar no Torneo WEVZA en Wiesbaden (Alemaña).

Carolina recibía a nova durante a concentración coa Selección Absoluta en Sant Cugat (Barcelona) onde se atopa actualmente despois de xogar no Campionato de España en Almería co seu equipo, e o vindeiro sábado incorpórase, en Quiroga, á Selección Galega Cadete para disputar a vindeira semana o Campionato de España de Seleccións, culminando “un ano cheo de éxitos despois de pasar toda tempada na Concentración Permanente de Soria”, puntualizan orgullosos dende o seu club con sede en Monforte.

Con todo, non é a primeira vez que Carolina defende as cores de España no torneo internacional que este ano se celebrará do 9 ao 15 de xullo. O ano pasado (coa selección sub 17) xogou en Holanda e este ano faráo en Alemaña, tendo como rivais ás selección de Bélxica, Francia, Italia, Portugal, Suíza, Holanda e a propia Alemaña. Carolina Camino do Ribeira Sacra e as xogadoras do Calasancias da Coruña, Marta Otero e Lucía Varela, serán as xogadoras galegas que formarán parte desta selección.

Artigos relacionados

Back to top button