CulturaCulturaÚltima hora

A RAG dedicará as Letras Galegas de 2021 á poeta Xela Arias

Xela Arias en outubro de 2003. Autor: Lois A. C.

 

Na sesión plenaria celebrada na tarde deste 22 de decembro a Real Academia Galega (RAG) tomaba a decisión de dedicarlle o Día das Letras Letras Galegas de 2021 á poeta Xela Arias (Sarria, 1962 – Vigo, 2003), “unha voz singular da xeración que anovou nos anos 80 a poesía galega en temas, estilo e forma, e que destacou tamén como tradutora”.

A Academia sinala que Xela Arias “concibía a poesía como un xeito de indagar e cuestionar a orde das cousas, de describir o que se aprende a ocultar. A pescuda do eu fonda e reflexiva, a afirmación do corpo feminino, a perspectiva de xénero e a procura de novos espazos para a poesía mediante a recitación ou o diálogo coa fotografía, a música e a pintura, son algúns dos trazos destacados da súa voz como creadora, que anticipou nos anos 80 do século pasado moitos temas e características formais da poesía galega da década seguinte”.

Ademais a elección de Xela Arias como protagonista das Letras Galegas 2021 recoñece igualmente, segundo a RAG, “a dimensión pública e comprometida da vida e da obra da autora. Prestou a súa voz en mobilizacións cívicas (coma as que se produciron tras a marea negra do Prestige) e tomou sempre posición a favor da lingua galega, non só como poeta. Como parte do equipo de Edicións Xerais, onde traballou dende 1980 a 1996, contribuíu ao proceso de fixación da norma do galego. Fíxoo como correctora de estilo e editora, e tamén ao iniciar nos anos 80 un labor pioneiro no mundo da tradución, un eido poucas veces recoñecido, pero que en 2021 tamén será homenaxeado na súa figura”.

Nesta mesma sesión plenaria tamén se elixía como académica de número a Ana Isabel Boullón Agrelo, que ocupará a cadeira vouga polo pasamento de Xosé Luís Franco Grande. Boullón é profesora do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela, adscrita ao Instituto da Lingua Galega. É unha investigadora de referencia no campo da antroponimia galega, unha das súas liñas de investigación principais xunto á toponimia, a edición de textos e a lexicografía.

Artigos relacionados

Back to top button