CulturaCulturaÚltima hora

A RAG dedicaralle o Día das Letras Galegas 2023 a Francisco Fernández del Riego

Fernández del Riego na sede da RAG xunto ao busto de Curros Enríquez. Fonte: Real Academia Galega. Colección Castro-París.

 

Na sesión plenaria celebrada na mañá deste sábado 9 de xullo a Real Academia Galega (RAG) tomaba a decisión de dedicarlle o Día das Letras Letras Galegas de 2023 a Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010) cadrando coa celebración do sesenta aniversario do primeiro Día das Letras Galegas “do que foi inspirador” e os cento dez anos do seu nacemento.

Membro da nova xeración de intelectuais que lle deron continuidade ao ideario do Grupo Nós, Francisco Fernández del Riego “foi un loitador cultural incansable que chegou a se converter nunha auténtica institución do país, respectado por todos e aberto ás diversas manifestacións do galeguismo”, indican dende a RAG, destacando que “foi unha das figuras centrais do galeguismo progresista e clave da resistencia no exilio interior durante o franquismo, cunha traxectoria polifacética e prolífica que abrangueu dende a política, a creación e crítica literaria á edición. A comezos dos anos 50 foi un dos fundadores da Editorial Galaxia, empresa que desempeñou un papel central na resistencia cultural de Galicia durante o franquismo, e na última etapa da vida presidiu a Real Academia Galega (1997-2001).

Da súa obra escrita, que tocou case todos os xéneros, “foi inmensa, comezando polas súas colaboracións en practicamente todos os xornais de Galicia e nas revistas máis representativas do interior e da diáspora. Posiblemente o seu número, aínda sen catalogar, supere o milleiro de artigos”. Participou en numerosos libros, propios ou colectivos, nos que acotío asinaba cos pseudónimos Salvador Lorenzana, Cosme Barreiros, Adrián Solovio ou Adrián Soutelo.

A súa traxectoria foi recoñecida en vida con numerosas distincións, entre elas o nomeamento de doutor honoris causa da Universidade de Vigo, o Premio Trasalba, ou a Medalla Castelao.

Na sesión plenaria de hoxe tamén se votou a favor de que a filóloga e escritora María López Sández (Lugo, 1973) ocupe a vacante producida polo pasamento do académico Darío Xohán Cabana o pasado mes de novembro. Profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da Universidade de Santiago de Compostela e catedrática en excedencia do ensino secundario, a académica de número electa é investigadora da literatura galega e da sociolingüística, e tamén creadora literaria.

Artigos relacionados

Back to top button