CulturaCulturaÚltima hora

A RAG reivindica o exemplo de Carvalho Calero no pleno do Día das Letras Galegas

 

O paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela acollía esta mañá o pleno extraordinario da Real Academia Galega (RAG) do Día das Letras Galegas, dedicado neste ano ao filólogo e escritor Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990) e que tivo que adiarse por mor da pandemia do Covid. Era neste mesmo edificio onde Carvalho Calero impartía clases como primeiro catedrático de lingua e literatura galegas en Galicia.

Ao longo da sesión tiñan lugar tres intervencións académicas que afondaban na vida, na poesía e nas contribucións ao estudo científico do galego do filólogo, profesor, escritor e académico ao que a Real Academia Galega lle rendeu homenaxe este ano da man de Margarita Ledo, Ramón Villares e Francisco Fernández Rei. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, reivindicaba o exemplo de don Ricardo, “un referente no que podemos e debemos seguir traballando alén do ano da homenaxe”, e mais a presenza do galego en todos os ámbitos.

Así o presidente da RAG anunciaba que esta institución xa ten iniciado contactos con Euskaltzaindia e co Institut d’Estudis Catalans para “abrir un debate sincero e interesar a todo o Estado español nun patrimonio que quixeramos que se considerase común, un patrimonio –as linguas de España, que dicía o poeta vasco Aresti–, que nos compromete a todos e do que debemos sentírmonos copartícipes e orgullosos”.

Freixanes referíase á excepcionalidade de 2020, marcada pola pandemia. Neste escenario, consideraba fundamentais as tecnoloxías da comunicación para acadar unha “difusión sen precedentes” dunha celebración “na que participa o conxunto da sociedade e mesmo vai máis alá das nosas fronteiras”. Con todo, mostrou a disposición da RAG a seguir a afondar no legado de Carvalho Calero nos vindeiros meses con distintas palestras no seu Ferrol natal, Lugo –onde dirixiu durante quince anos o Colexio Fingoi– e Ourense –para lembrar tamén a súa presenza na revista Nós–, sen renunciar a homenaxear outro autor ou autora en 2021, “que tamén será un ano difícil”.

Ademais, tomaba a palabra Margarita Ledo que percorría os versos de Carvalho Calero, que entendía “a poesía como catarse” e deixou o máis íntimo da súa personalidade reflectida nela; Ramón Villares trazou a biografía, escrita en tres escenarios centrais –as cidades de Ferrol, Lugo e Santiago de Compostela–, de quen representa “o mellor da cultura galega do século XX”; e Francisco Fernández Rei, alumno do homenaxeado, analizou a evolución da súa visión do idioma, dende o galego autónomo ata o galego reintegrado que defendeu nos últimos anos. O presidente da RAG desculpaba a ausencia por circunstancias persoais de Xesús Alonso Montero, que ía ofrecer outro relatorio sobre o autor.

Tras a conclusión do pleno, o presidente da RAG cedeu a palabra ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen resaltaba que “en poucos idiomas como o galego se confirma a idea de Homero de que as palabras son “aladas”. Esas ás permítennos resistir mellor o que sucede, e preparar mellor un futuro sen dúbida esperanzador. A celebración, polo tanto, non é superflua nin prescindible. Necesitamos máis que nunca proclamar que a nosa lingua nos proporciona unha forza adicional, unha unidade máis estreita, uns afectos máis intensos”.

Núñez Feijóo dicía ademais que Carvalho Calero “primeiro en moitas cousas. Ocupa a primeira cátedra de lingua e literatura galega; e convértese en adiantado dos vencellos de Portugal e Galicia, na actualidade reforzados grazas á pertenza ao proxecto europeo. As súas ideas lograron crear unha conciencia que xa ten un feliz reflexo legal. A Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, a coñecida como Lei Paz Andrade de 2014, permite que haxa máis de 4.000 alumnos de portugués en Galicia”.

A celebración deste pleno extraordinario das Letras Galegas finalizaba coa interpretación do Himno de Galicia a cargo da gaiteira Yasmina Farhani.

Artigos relacionados

Back to top button