CulturaCulturaÚltima hora

A Real Academia Galega festexa o legado de Xela Arias, “a poeta das vidas á marxe”

O seu pleno extraordinario con motivo das Letras Galegas celebrábase esta mañá no Auditorio do Mar de Vigo

Pleno extraordinario da Real Academia Galega no Auditorio de Vigo.

 

Coa voz e os versos de Xela Arias (Sarria, 1962– Vigo, 2003) encetábase o pleno extraordinario que a Real Academia Galega (RAG) celebraba esta mañá no Auditorio do Mar en Vigo para reivindicar o seu legado. A escritora, editora e tradutora recitando versos do seu derradeiro poemario, (Intempériome, 2003), en diálogo coa música de Fernando Abreu, Mónica de Nut e Pablo Carrera, marcou o comezo do acto central do Día das Letras Galegas, unha conmemoración na que Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas pronunciaron as alocucións académicas sobre a autora á que a RAG dedica este 17 de maio.

Os tres recorreron á palabra da poeta e puxeron o acento no carácter rebelde e na lectura de xénero dunha poesía á intemperie, envolta “nas entrañas das vidas á marxe” e que cuestiona “exércitos inoculados de acomodo”, apuntaba Ana Romaní. “Crear, di Xela, é inventa-lo mundo e mailas marxes do mundo. Crebar as marxes, inventar outras novas”, coincidía Marilar Aleixandre. Porque ela foi, en palabras de Manuel Rivas, unha muller “a camiñar pola liña do horizonte”, unha creadora que escolleu botarse “fóra da orde do día”.

Para este acto escollíase Vigo, na cidade que foi “o espazo creativo, emocional, familiar e profesional onde Xela Arias desenvolveu a meirande parte da súa vida», indicou o presidente da RAG. Víctor F. Freixanes recordou tamén a Sarria natal da autora, onde a Academia estivo igualmente presente neste Ano Xela Arias apoiando distintas iniciativas arredor da súa figura. Sarria e Vigo, dous eixes vitais que ilustran a pertenza de Xela Arias a unha xeración con raiceiras no rural, que medrou nos barrios das cidades galegas en expansión e que viviu a mocidade nun momento “especialmente activo e ilusionante”, o dos anos 80 e dos 90, no que “Vigo tivo un protagonismo moi especial”.

“Foron décadas dunha enorme explosión cultural e creativa, protagonizada polos mozos e mozas que, sen renunciar á memoria dos avós e os devanceiros, a enriquecen cunha nova ollada, novas perspectivas, novas formas de expresión”, engadía Víctor F. Freixanes.

 

 

O presidente da Academia reflexionaba ademais sobre a importancia da transmisión xeracional do idioma a través do exemplo da familia de Xela Arias e tivo palabras de especial recoñecemento para os seus pais, Valentín Arias (1934-2011) e Amparo Castaño, que acudiu ao pleno da RAG acompañada do fillo, os irmáns, os sobriños e outros parentes da homenaxeada. “Cando as familias manteñen viva a riqueza do idioma e saben transmitilo con dignidade, amor e coherencia aos descendentes, a lingua medra, axigántase, convértese nunha onda contaxiosa de afectos, factor de socialización fundamental para construír a nación do futuro, que non acaba en nós, senón que continúa sempre nos que veñen despois. Esta responsabilidade témola todos. Non podemos mirar para outro lado”, concluía.

As Letras Galegas de Xela Arias celebran a poesía singular e transgresora da autora, e a súa procura de novos espazos para ela, facéndoa dialogar con outras artes, pero tamén sinalan a importancia doutros perfís da homenaxeada igualmente frutíferos e que fixeron dela unha persoa fundamental no proceso de normalización lingüística: os da profesional da edición (foi parte do equipo que puxo a andar Edicións Xerais de Galicia) e tradutora rigorosa, que verteu dende os anos 80 ao galego milleiros de páxinas de clásicos universais contemporáneos: Drácula, O derradeiro dos mohicanos, Dublineses

Ese compromiso coa lingua en todas as súas facetas tamén foi reivindicado nas alocucións académicas. “Escribo en galego porque estou aquí, e desde logo, Galicia pertence, aínda, aos derrotados”, deixou dito a autora, tal e como lembraba Romaní.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button