SanidadeÚltima hora

A Rede da UE para a Seguridade do Paciente e Calidade Asistencial visita Ourense

Un equipo húngaro desta entidade achégase ata o CHUO e o Centro de Saúde Valle Inclán
Imaxe dun dos momentos da visita.
Imaxe dun dos momentos da visita.

Coñecer in situ os sistemas de calidade e seguridade do paciente implantados nos centros asistenciais do Servizo Galego de Saúde (Sergas) en Ourense. Con este obxectivo viaxaba á cidade de Ourense o 10 de setembro un grupo de membros do equipo de Hungría da Rede da Unión Europea para a Seguridade do Paciente e Calidade Asistencial (PASQ Joint Action), entidade que forma parte do Programa de Saúde Pública da Comisión Europea. Nesta visita, e tras reunirse coa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera; achegábanse ata o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) e tamén ata o Centro de Saúde Valle Inclán.

Pola mañá, o seu programa incluía o percorrido por distintas unidades e servizos asistenciais de atención primaria e hospitalaria. Entre elas, as unidades de hospitalización de Medicina Interna; Cirúrxica; de Obstetricia e Urxencias coñecendo tamén de primeira man como se realizan as auditorías e se recollen os indicadores observacionais.

E, xa pola tarde, tiñan prevista unha mesa na que se lles detallará como se realizan, nos centros do Sergas en Ourense, as Auditorías de Seguridade de Pacientes, a nivel de centros, e como se fan e programan as auditorías externas nos distintos hospitais e anos, así como os resultados das auditorías previas realizadas e as melloras implantadas mediante este sistema de control, seguimento e implementación continua da calidade.

Este equipo húngaro “solicitou esta visita para coñecer de primeira man como se desenvolve e planifica a realización e avaliación de proxectos de seguridade de pacientes, mediante auditorías externas e internas (Boa Práctica Institucional (GOP) 76-441) das que Ourense está a ser referente para o conxunto de centros da Comunidade Autónoma”, explican dende o Sergas.

Ademais esta acción enlaza co obxectivo da PASQ de potenciar a seguridade do paciente e a calidade asistencial, “mediante o intercambio de información, experiencias e implementación de boas prácticas, a través do contacto directo coas distintas institucións nacionais e persoas de referencia -National Contact Points (NCPs)- a súa vez referentes nos seus respectivos países”, segundo o Sergas.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button