ConcellosSoberÚltima hora

A Rede de Miradoiros de Sober, distinguida coa “Q” de Calidade na categoría de Espazo Público Singular

Tan só 5 espazos públicos a nivel estatal contan con esta distinción a día de hoxe que outorga o Instituto para la Calidad Turística de España, tal e como se destacada dende o Concello

 

A Rede de Miradoiros de Sober, que está integrada por 10 miradoiros sobre o Canón do Sil, vén de recibir a ‘Q’ de calidade que outorga o Instituto para la Calidad Turística de España (ICTE) na categoría de Espazo Público Singular. Tan só 5 espazos públicos a nivel estatal contan con esta distinción a día de hoxe.

Turismo de Galicia asinou a principios de ano un acordo co Instituto para la Calidad Turística Española coa finalidade de conseguir implantar a ‘Q’ de calidade en Espazos Públicos Singulares da Ribeira Sacra e Rías Baixas.

O principal obxectivo do departamento autonómico era o de ofrecer un valor engadido, un incentivo máis desas áreas abertas. Desde Turismo de Galicia mantivéronse reunións a principios de ano en Monforte e Pontevedra con responsables municipais para informar e poñerse a disposición dos Concellos para tramitar a solicitude da distinción de calidade.

“Turismo de Galicia propuxo ás comarcas da Ribeira Sacra e Rías Baixas como comarcas piloto. Pedíuselle aos concellos que remitisen as súas propostas para facer unha selección final para poder tramitar ante o ICTE o recoñecemento da ‘Q’ de calidade como elemento turístico singular. Na Ribeira Sacra só o Concello de Sober obtivo o recoñecemento logo da tramitación e despois de aprobar as correspondentes auditorías”, tal e como se informa dende esta administración local.

A distinción obtívose tras avaliar a calidade do conxunto, o sistema de xestión o equipamento e servizos que se prestan. Na categoría de Espazos Públicos Singulares intégranse contornos de uso turístico que destacan polo seu valor arquitectónico, cultural ou natural, representativo do destino no que se atopa e xestionados por un ente público.

 

 

Impulso á Rede de Miradoiros

Dende o Concello de Sober e tras conseguir tan importante distinción, xa se está traballando nun proxecto de potenciación da Rede de Miradoiros. Entre outras propostas o Concello quere homoxeneizar a súa sinalización, habilitar zonas de aparcamento tamén sinalizadas, facer unha publicación especifica da propia Rede de Miradoiros ou unha programación no entorno dos propios miradoiros, entre outras iniciativas, ademais da súa mellora e posta en valor.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, considera que o distintivo “recoñece os esforzos realizados ao longo dos últimos anos no coidado e posta en valor deste importante conxunto enclavado nun espazo natural único”.

A rede de miradoiros de Sober integra aos seguintes:
1. MIRADOIRO DE PENA DO CASTELO, DOADE
2. MIRADOIRO DE SOUTO CHAO, DOADE
3. MIRADOIRO DOS CHELOS, AMANDI
4. MIRADOIRO DE CADEIRAS, PINOL
5. MIRADORIO DE SANTIORXO
6. MIRADOIRO DE BOQUEIRIÑO, BOLMENTE
7. MIRADOIRO DE CIVIDADE, BOLMENTE
8. MIRADOIRO DOS CHANCÍS, SAN MARTIÑO DE ANLLO
9. MIRADOIRO DE XABREGA, ANLLO SANTO ESTEVO
10. MIRADOIRO DE PENA DO CONDE, ANLLO SANTO ESTEVO

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button