En portadaÚltima hora

A Rede Estatal do Castiñeiro pide máis soltas de Torymus para frear a praga da avespiña

Esta entidade vén de manter unha reunión con responsables dos Ministerios de Agricultura e para a Transición Ecolóxica na que se analizaba o avance deste insecto en Galicia e noutras comunidades españolas
Imaxe da reunión entre a Rede Estatal do Castiñeiro e representantes dos ministerios./ Foto cedida.

Representantes da Rede Estatal do Castiñeiro (da que forma parte Proagrosilga, que preside Juan Fernández veciño de Valdeorras) mantiñan o 23 de abril en Madrid unha xuntanza con responsables do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e do Ministerio para a Transición Ecolóxica, co fin de coñecer o resultado dos estudos que esta última institución leva realizando dende o 2017 para avaliar o impacto da introdución no medio natural do Torymus sinensis como organismo de control biolóxico sobre as producións da avespiña do castiñeiro e das actividades realizadas no 2018 para o seu control.

“Este estudo ten sido motivado pola necesidade, preocupación e demanda do sector produtor, representado pola Rede Estatal do Castiñeiro, dada a rápida, intensa e xeralizada extensión da praga nas zonas produtoras de castaña. Esta rede leva demandando e esixindo, dende o 2014, a necesidade urxente de realizar autorizacións administrativas pertinentes para implementar medidas urxentes, inmediatas e de amplitude suficiente que minimicen os efectos lesivos provocados por esta especie invasora”, sinalan dende a Rede Estatal do Castiñeiro, que preside Juan Fernández, xerente de Castañas Rafael.

Nesta reunión dende o MAPA informóuselles de que dende o ano 2018 leváronse a cabo máis de 100 inspeccións específicas a viveiros produtores de planta e máis de 40.000 inspeccións de campo, sobre unha superfice de 1.615 hectáreas de castiñeiros, nos que se tomaron 272 mostras das que 265 resultaron positivas á avespiña. Ademais en soltas experimentais soltáronse máis de 800.000 exemplares de Torymus sinensis no 2018 en Andalucía, Asturias, Castela e León e Galicia, sendo esta última comunidade a que máis esforzo realizou con máis de 700.000 exemplares de Torymus liberados.

 

Castiñeiro afectado pola praga da avespiña./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Os resultados presentados, “unidos xa a presenza natural do parasitoide en diversas áreas peninsulares, fan inevitable a próxima autorización do seu uso como axente de control biolóxico, se ben, a súa utilización pdoerá seguir estando coordinada e supervisada polas autoridades responsables en materia de sanidade vexetal das comunidades autónomas e do propio órgano ministerial, que se comprometeu e realizar as xestións necesarias, marcándose como prazo o mes de setembro para a súa resolución”, indican dende a Rede Estatal do Castiñeiro.

Neste senso, durante a xuntanza esta entidade pedía unha revisión inmediata do borrador do plan de contixencia contra esta praga para a súa aprobación e posta en marcha e a coordinación coas comunidades autónomas. “Ademais transmitiuse a necesidade de continuar co apoio e o financiamento público das soltas experimentais, que deberán ser masivas no futuro, xa que a atomización da propiedade e da produción dificultan na maioría dos casos a súa aplicación individual”, segundo a Rede Estatal do Castiñeiro.

Tamén se solicitaba apoio ao MAPA para realizar unha campaña divulgativa e informada para o sector produtor sobre a praga. Sector e representantes do ministerio volverán manter unha nova xuntanza o vindeiro mes de setembro. Nela espérase que o goberno anuncie a autorización definitiva  do uso de Torymys sinensis e que concrete o plan de continxencia e as medidas de coordinación necesarias coas comunidades autónomas.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close