ConcellosEn portadaRubiáÚltima hora

A reforma do CEIP Virxe do Camiño de Rubiá sairá a licitación por 244.000 euros

Así o anunciaba o delegado da Xunta en Ourense na visita que realizaba esta mañá a este centro escolar

 

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitaba este mércores o CEIP Plurilingüe Virxe do Camiño de Rubiá. No seu percorrido polo centro estaba acompañado polo alcalde de Rubiá, Elías Rodríguez, e polo equipo directivo. Nesta visita Alén presentaba o proxecto de reforma deste colexio, adaptado ás novas esixencias construtivas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia. Ademais anunciaba a “inminente licitación do proxecto” por importe de 244.000 euros.

Gabriel Alén explicou que a actuación ten por obxecto a substitución das cubertas dos tres edificios que constitúen o CEIP Virxe do Camiño, substitución das ventás, eliminar humidades, reposición de pavimentos, reparación e pintado das fachadas exteriores e a creación dun acceso exterior no terceiro edificio, que permita facelo máis accesible.

O delegado territorial salientou que todas as novas intervencións que promove a Xunta en infraestruturas escolares apostan por un modelo de centros “ao servizo da aprendizaxe e da convivencia, con espazos accesibles, saudables e cómodos nos que o alumnado poida estudar, socializar, xogar, facer deporte…”, en liña coas pautas marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia.

Arquitectura ao servizo dos proxectos educativos

O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia pivota nunha parte académica (con espazos ao servizo dos proxectos educativos, sobre todo vinculados á transformación dixital e xeradores de inclusión), nunha parte infraestrutural (con espazos máis amplos, saudables e unha maior integración coa contorna) e nunha parte de sustentabilidade acorde coas novas esixencias de eficiencia enerxética e respecto medioambiental.

No que atinxe ás infraestruturas propiamente ditas, as novas reformas, acondicionamentos e construcións seguirán unhas pautas construtivas homoxéneas, cunha identidade corporativa específica, aínda que axustada ás contornas nas que se inxiren, sexan do ámbito rural ou urbano.

A rede de centros de ensino públicos en Galicia está formada por máis de 1.000 colexios e institutos repartidos desde os concellos máis pequenos do rural (con menos de 2.000 habitantes) ata as grandes cidades. De feito, nove de cada dez concellos contan cunha infraestrutura educativa para servizo dos seus cidadáns.

Artigos relacionados

Back to top button