DeportesPiraguismoÚltima horaVídeos

A regata provincial de piragüismo reúne en Viana do Bolo a máis dun cento de deportistas

O Club Fluvial O Barco subía ao podio na maioría das categorías

 

O comezo do mes de agosto está sendo moi deportivo en Viana do Bolo, con actividades e competicións de diferentes disciplinas.

Na xornada do sábado clausurábase o Campus do Atlético de Madrid ao que asistían preto de 60 rapaces e na mañá deste domingo 8 de agosto, disputábase nas augas do río Bibei, a IV Regata Provincial de Piragüismo, puntuable para a Copa Deputación 2021, na que estaban inscritos 111 deportistas (66 homes e 45 mulleres) de todos os clubs da provincia.

 

 

Organizada pola Federación Galega de Piragüismo (FEGAPI) e o Club Náutico Viana do Bolo coa colaboración do Concello e co patrocinio da Deputación de Ourense e da Secretaria Xeral para o Deporte, a competición comezaba ás 11 da mañá e remataba en torno ás 13 horas cun percorrido de 1.000m para os Prebenxamíns, Benxamíns e Alevíns, 2.000m para os Infantís e 4.000m para os Cadetes, todos eles en embarcacións individuai, K-1.

Un dos clubs con máis representación foi o Fluvial Barco que se facía cun bo número de medallas, moitas delas de ouro. Na categoría Cadete (4.000m), a maior nesta competición, Nicolás Díaz subía ao alto do podio, mentres que  Pablo Carracedo era terceiro.

 

 

En Infantil “A” (2.000m), Carlos Suárez era primerio e Daniel Núñez, segundo. En infantil “B”, Darío León era terceiro. En Alevín “B” Diego Bello, era terceiro; en Prebenxamín, Alexis Núñez era segundo; en Benxamín “A”, Alejandro Pérez era terceiro; e en Benxamín “B” Brais Rodríguez subía ao alto do podio.

Xa na categorías femininas, en Cadete Paula Paradelo era primeira. En Infantil “A” Candela e Lidia Fernández eran segunda e terceira respectivamente; e en Infantil “B” Carlota Díaz subía ao alto do podio. E por último, en Benxamín “A” Gisela Arias era segunda; e en Benxamín “B”, era Tiara Prada quen subía ao alto do podio.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella, excepto as catro últimas da galería que son cedidas.
Vídeo: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button