OurenseÚltima hora

A reivindicación das rúas de Ourense como espazo para os peóns centra a Semana da Mobilidade en Ourense

O programa, que se desenvolverá do 17 ao 23 de setembro, inclúe actividades deportivas e culturais
Camiñantes por un paso de peóns.

Actividades culturais e deportivas, e a reivindicación das rúas como espazo para os peóns son os eixos sobre os que xirará o programa presentado polo Concello de Ourense con motivo da Semana Europea da Mobilidade, que terá lugar entre o 17 e o 23 de setembro, cun calendario no que este ano destaca a peatonalización definitiva da rúa Xaquín Lorenzo e a rúa Cardenal Quevedo até a Avenida da Habana, a partires do domingo 16 de setembro.

“Queremos que camiñar pola cidade sexa cada vez máis fácil”, explicou o concelleiro de Infraestruturas, José Araujo na presentación, explicando os cortes de rúas que van ter lugar na vindeira semana. Estará prohibido aparcar nas rúas Concordia, na Avenida de Bos Aires até Valle Inclán e en Bedoya até Valle Inclán. Os vehículos só poderán circular por estas rúas. No Día sen coches, o 22 de setembro, só poderán entrar nos garaxes ou parkings, e haberá carga e descarga nas rúas: Concordia, Valle Inclán ata a Avenida da Habana, Ramón Cabanillas ata Avenida da Habana e Bos Aires ata a Avenida da Habana. Ese mesmo día, a rúa Pardo de Cela estará cortada ao tráfico entre as 10 e 20 horas.

Entre as actividades programadas José Araujo destacou a exposición fotográfica “Combina e Móvete”, organizada en colaboración con Viaqua, na rúa Curros Enríquez  que presentará imaxes fotográficas de persoas ou empresas ourensanas que apostan polo transporte ecolóxico ou por ir ao traballo camiñando.

Tamén salientou unha charla informativa no Centro Cultural Marcos Valcárcel, o luns 17 ás 19 horas, para dar a coñecer o proceso “Móvete por Ourense” co que se pretende impulsar novos hábitos de mobilidade entre a cidadanía.

Pola súa banda a concelleira de Educación, Belén Iglesias, informou de que a vindeira semana haberá charlas educativas sobre mobilidade sostible e talleres de educación viaria en diferentes centros educativos da cidade. Tamén dirixido ao público haberá un circuíto viario en varias zonas da cidade.

As tardes do 17 ao 21 de setembro haberá obradoiros con monitores nas rúas peonís Xoaquín Lorenzo e Cardenal Quevedo; un circuíto para realizar ginkanas de bicicletas e contacontos en diferentes zonas da cidade, nos barrios e parques infantís. O 19 de setembro na rúa do Paseo os alumnos dos colexios da cidade realizarán un flash mob. A programación complétase o día 22 de setembro cun circuíto de ginkanas de bicicletas e contacontos, na rúa Pardo de Cela.

As actividades deportivas concentraranse o 22 de setembro na rúa Pardo de Cela, na que haberá partidiños 3×3 de fútbol nas categorías infantil e cadete e exhibicións de hóckey e patinaxe a cargo da Escola de Patinaxe Ourense, entre outras.

Artigos relacionados

Back to top button