A castaña, un froito de outono con especial arraigo e importancia no interior de Galicia, é unha fonte de riqueza e un produto tremendamente escaso. Pero para convertelo nun produto rendible é preciso apostar por producir con outros criterios e introducindo técnicas novas. Con esta mensaxe iniciaba o secretario da IXP Castaña de Galicia, Manuel Vilariño, a súa intervención na xornada “A marca de calidade IXP Castaña de Galicia e o futuro dos soutos”, celebrada na tarde do 25 de setembro na Casa Grande de Viloira (O Barco).
Partía da realidade da produción actual de castaña en Galicia, pensada para o autoconsumo e con variedades mesturadas que “non permiten ter o mesmo rendemento que se houbera unha monovarietal”. Tamén falaba da castaña para venta en fresco e para uso industrial, isto é, a chamada segunda transformación, na que se demandan cunhas determinadas características (que pelen e tabiquen ben). Neste último caso incidía na diferencia entre “a calidade organoléptica e calidade industrial, esta última e a que dá rendemento”.
Vilariño aportaba tamén unha serie de recomendacións para facer novas platancións con bo criterio (plantas con garantía, elección de variedades de comercialización axeitada, marcos de plantación…) e relataba os pasos que se están a dar dende o sector galego da castaña para tentar revertir esa situación de partida. Nese avance desempeña un papel clave a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia, cuxa inscrición definitiva no DOCE (Diario das Comunidades Europeas) tiña lugar en maio de 2010. “É un criterio de calidade, de protección e de responsabilidade para todas as Administracións”, destacaba.
Na súa exposición tamén explicaba como está composta esta IXP e as súas funcións, ademais de detallar cales son as zonas de produción amparadas baixo este selo e as variedades incluídas e como pode solicitar un produtor formar parte dela, entre outras cuestións.
Texto: Ángeles Rodríguez
(Máis información na edición en papel do Periódico O Sil).