En portadaÚltima horaVídeos

A Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra “enxalza o valor singular deste territorio a nivel internacional”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez, visitaba esta tarde o Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil

 

Tan só dúas horas despois de facerse pública a nova da declaración por parte da Unesco da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel como Reserva da Biosfera tiña lugar un acto no Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín), no que participaba o presidente da Xunta, Alberto Núñez, ademais doutras autoridades como a conselleira de Medio Ambiente, o presidente da Deputación, o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e numerosos alcaldes, entre eles o de Nogueira de Ramuín.

Feijóo aseguraba que se trata dun “recoñecemento, que enxalza o valor singular deste territorio a nivel internacional; un premio á singularidade dun enclave único”. Con esta distinción, engadía, a Unesco dá consideración global á vocación de Galicia coa preservación da paisaxe; “unha paisaxe que nos liga co pasado, que vertebra o presente, que nos preservará no futuro e que debemos seguir protexendo entre todos”, aseverou, incidindo en que a comunidade “é e será inflexible cos que queiman o monte, calcinando a riqueza natural, sementando a discordia e liquidando o patrimonio de milleiros de familias”.

Así mesmo, afirmou que esta declaración “anima a seguir levando o nome da Ribeira Sacra por todo o mundo para que sexa redescuberta, especialmente no marco do Ano Santo bienal. O turismo sustentado no patrimonio cultural, na viticultura, na gastronomía ou nas rutas por estas fragas integran unha experiencia única”, dixo, facendo fincapé en que a particularidade desta contorna invita a un turismo sosegado, en contacto co medio natural, sen renunciar a ser unha fonte de dinamismo e actividade para esta gran parte do interior do país.

Por outra banda, subliñou que facendo compatible a explotación agrícola e gandeira, a nova Reserva da Biosfera recolle un impulso ás actividades de investigación e xestión sustentable. Entre elas: un Xeoparque Mundial da Unesco, seis zonas de Rede Natura 2000 e outras áreas naturais protexidas.

 

 

O titular da Xunta quixo tamén dar as grazas aos membros do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural e da Fundación Juana de Vega por participar na candidatura; así como aos alcaldes e representantes dos 18 concellos lugueses e dos cinco ourensáns, aos presidentes das Deputacións e a todas as entidades como o Consorcio de Turismo e a Denominación de Orixe, “por sumar forzas en aras do interese común”.

Sobre este punto, aseverou que a Xunta seguirá comprometida coa Ribeira Sacra; un apoio reflectido no Pacto pola paisaxe, nas axudas que inclúe a declaración como área de rehabilitación integral supramunicipal, e no resto das medidas que forman parte do desenvolvemento do plan de acción estratéxico da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que compromete investimentos por máis de 4,5 millóns. “E, unha vez conseguida a distinción desta sétima Reserva da Biosfera de Galicia, seguiremos dando os pasos necesarios para conseguir que a Unesco declare a Ribeira Sacra Patrimonio da Humanidade”, concluíu.

 

O presidente da Deputación de Ourense, saudando ao presidente da Xunta.

 

Baltar: “Esta declaración vai dotar dunha protección extra a unha paraxe maxestuosa”

Para o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, “a declaración da Ribeira Sacra como Reserva Mundial da Biosfera é un día de absoluta celebración pero tamén de novas responsabilidades para manter este espazo e conseguir, coa axuda das institucións e da colaboración público-privada, que tamén a medio prazo reciba por parte da Unesco a declaración de Patrimonio da Humanidade”.

Ademais Baltar considera que esta declaración “vai dotar dunha protección extra a unha paraxe maxestuosa que engloba a 23 concellos das provincias de Ourense e Lugo”. Tamén apuntaba que é “o momento de expresar a nosa enorme alegría, tendo en conta ademais que é o único espazo de España en recibir esta distinción, pero tamén é un novo punto de partida nesa estratexia pola que tanto vimos traballando para que, nun futuro que agardamos próximo, culminemos este proceso coa declaración da Unesco”.

 

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.

 

Tomé: “Abre novas oportunidades moi interesantes para a conservación de todo ese patrimonio”

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, mostraba tamén este mércores a súa satisfacción pola declaración da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel como Reserva da Biosfera pola Unesco. “É sen dúbida unha moi boa noticia, para a Ribeira Sacra e para o conxunto da provincia de Lugo, porque supón un recoñecemento a nivel internacional da riqueza medioambiental coa que contamos, dálle visibilidade e abre novas oportunidades moi interesantes para a conservación de todo ese patrimonio e, ó mesmo tempo, para o desenvolvemento sostible do territorio, tanto social como económico, tal e como promove a filosofía do programa MaB”, apuntaba José Tomé.

Neste sentido, o mandatario provincial engadiu que distincións coma esta son importantes “polo que teñen de punto de partida e de significado para o futuro. Este recoñecemento é unha nova ferramenta para promover medidas e iniciativas que contribúan a aproveitar o valor medioambiental para promocionar o territorio, un territorio que ten unhas características especiais, como é a Ribeira Sacra”.

Fotos da galería: Carlos G. Hervella.

Máis información:

Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, sétima reserva da biosfera de Galicia

 

Artigos relacionados

Back to top button