ConcellosÚltima hora

A residencia de maiores de Rubiá rexistra dous usuarios “positivos asintomáticos”, mentres o persoal dá negativo

Imaxe da Residencia de Maiores San Cosme de Rubiá./ Foto cedida.

 

Con tristeza e preocupación veñen de recibir na residencia da terceira idade San Cosme de Rubiá os resultados dos tests de detección de Covid-19, que se lle realizaban ao total dos seus usuarios e persoal. Todos os traballadores deron negativo e tamén a maior parte dos seus usuarios, agás dous, que son “positivos asintomáticos”, tal e como explica a dirección do centro, dende a que tratan de buscar respostas á forma na que o virus entrou nas súas instalacións, tendo en conta as precaucións tomadas antes do inicio da crise.

“Dende antes de que o goberno decretase as medidas de protección, aquí xa se tomaran para protexer aos residentes e ao persoal: mantiñamos a residencia libre de visitas, os residentes estaban nas súas habitacións e cando saían a pasear polo corrredor, facíano por turnos, non hai contacto entre o persoal de diferentes plantas, mantemos unhas rigurosas medidas de hixiene nas entradas e saídas”, aseguran dende a residencia.

Ante isto, a única explicación que cren posible é a entrada dun novo residente a primeiros de abril, que lles chegou derivado e que estaba en situación de vulnerabilidade. “Comunicáronos que estamos obrigados por orde da autoridade sanitaria a admitilo. Entendendo a situación, dixóselles que se o novo estado de alarma obrigábanos por lei a acatar esas normas, faríamolo sempre que o novo residente viñese coa proba do COVID-19 negativa, e así consta no informe sanitario”, din dende o centro de maiores de Rubiá. Nos últimos tests realizados, este usuario, deu positivo, segundo a residencia.

Dende a dirección deste centro transmítese unha mensaxe de ánimo e desexos de recuperación para esas dúas persoas positivas, así como unha mensaxe de apoio ao resto de usuarios e aos traballadores, e “ás familias a nosa gratitude polo voso apoio e confianza”.

 

Artigos relacionados

Back to top button