DeportesÚltima hora

A RFGF suspende as competicións de maneira indefinida ata novo aviso

A Real Federación Galega de Fútbol prorroga a suspensión de todas as competicións autonómicas, provinciais e locais "ata que as autoridades autoricen a súa reanudación sen riscos"

 

Trala ampliación do estado de alarma decretado polo Goberno de España, a Xunta Directiva da RFGF aprobaba este domingo 22 de marzo, en reunión mantida por videoconferencia, “prorrogar a suspensión de todas as competicións de ámbito autonómico, provincial e local, tanto na modalidade principal de fútbol como en todas as súas especialidades (fútbol sala, fútbol gaélico…) ata que as autoridades competentes consideren que se poden reanudar sen risco algún para a saúde dos futbolistas, corpo técnico e empregados dos clubs e para o público asistente”. Medida que se toma de acordo co comunicado emitido pola Real Federación Española de Fútbol.

No comunicado emitido pola RFGF, o presidente Rafael Louzán asegura que “tamén mantemos todas as medidas de protección dos seus empregados e dos seus afiliados, polo que todas as sedes e instalacións federativas permanecen pechadas ao público”.

Do mesmo xeito, informa que a RFGF implementou o teletraballo como medida de funcionamento para poder manter a súa actividade administrativa. “A atención aos clubs está asegurada de maneira telemática a través da Intranet, polo que pedimos a todos aqueles que queiran contactar coa Federación que o fagan a través dos distintos correos habilitados na intranet, ou tamén a través da atención telefónica no número 981 900 600, que se mantén con servizos mínimos”, asegura.

“Confiamos que todos e todas vos atopedes en bo estado de saúde, ao igual que todos os vosos familiares, e apelamos á responsabilidade de todos para seguir de maneira escrupulosa as indicacións das autoridades estatais e autonómicas co fin de conseguir entre todos esta importante vitoria ante o coronavirus. Queda na casa!”, aconsella Louzán.

Artigos relacionados

Back to top button