EconomíaEconomíaÚltima hora

A Ribeira Sacra a un click, coa nova APP de turismo, ocio e comercio

Monforte de Lemos vén de acoller a presentación desta aplicación que ofrece un acceso rápido e sinxelo a información actualizada sobre os recursos patrimoniais, hostalería, hospedaxe, rutas, actividades e eventos que se celebran na comarca

 

Unha guía dixital que ofrece un acceso rápido e sinxelo a información actualizada sobre os recursos patrimoniais, hostalería, hospedaxe, rutas, actividades e eventos que se celebran na Ribeira Sacra. Así é a nova aplicación Turisgalicia Ribeira Sacra, que se presentaba esta mañá ao carón das Casitas da Compañía, en Monforte de Lemos.

Esta nova ferramenta para a promoción turística da Ribeira Sacra “axudará a recuperar a actividade dos sectores económicos que máis sufriron os efectos da pandemia: o turismo, a hostalería e o comercio local”, tal e como destacaba no acto José Tomé, presidente da Deputación de Lugo.

Turisgalicia recolle todos os elementos que se poden esperar dunha app turística de primeiro nivel: “os lugares de interese da Ribeira Sacra, unha guía de ocio nun apartado específico de axenda de constante actualización que inclúe todas as actividades de interese, unha selección de experiencias de turismo, deportes e ocio, unha oficina virtual de turismo, un apartado específico sobre o Camiño de Santiago con todos os recursos para o peregrino, turismo enolóxico e slow e a promoción do comercio local, con centos de empresas”, tal e como explicaba Antía Vázquez, de Turisgalicia, durante a presentación.

Os contidos da APP actualizaranse diariamente con novos eventos culturais e información dos concellos da Ribeira Sacra. Incorpora tamén un sistema de xeolocalización que permitirá coñecer de xeito instantáneo os recursos turísticos máis próximos e como chegar a eles. A APP Turisgalicia ofrece ademais un servizo de información de utilidade para os concellos e os veciños e veciñas, xa que integra un apartado de información municipal. Está dispoñible en castelán e galego, e pódese descargar en dispositivos Android e Apple.

O presidente da Deputación de Lugo subliñou que esta ferramenta dixital de promoción turística da que a institución é principal patrocinadora “axudará a recuperar a actividade dos sectores económicos que máis sufriron os efectos da pandemia: o turismo, a hostalería e o comercio local. Nesta APP, os usuarios e usuarias poden encontrar, de forma sinxela, lugares, monumentos, rutas, paisaxes da Ribeira Sacra para visitar, pero tamén para aloxarse e para comer, o que repercutirá de xeito directo na súa actividade”.

Tomé Roca remarcou que o apoio da Deputación de Lugo á aplicación Turisgalicia Ribeira Sacra “tamén ten que ver coa nosa aposta por seguir consolidando un modelo de turismo sostible, de calidade, sen masificacións, ao aire libre, que promove un fluxo de visitantes ao longo de todo o ano, que pon en valor o patrimonio e que crea emprego no rural”. Un tipo de turismo que, segundo o Presidente, “está en auxe no escenario de saída da pandemia e polo que levamos moito tempo traballando na Ribeira Sacra e na provincia”.

Xunto ao presidente da Deputación, no acto de presentación da APP participaron a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, alcaldes e representantes municipais dos concellos da Ribeira Sacra, o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e alcalde de Sober, Luís Fernández Guitián, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, ademais da xa citada Antía Vázquez Gómez, representante de Turisgalicia.

En concreto, asistiron os alcaldes de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela, ademais do seu concelleiro de Cultura, Roberto Castro; o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez; da Pobra de Brollón, José Luis Maceda; de Taboada, Ramiro Moure; a tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada; e o concelleiro de Cultura de Quiroga, José Luis Rivera.

Turisgalicia conta co patrocinio principal da Deputación de Lugo e coa colaboración da Xunta de Galicia e do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button