EconomíaEconomíaÚltima hora

A Ribeira Sacra presenta as súas potencialidades como destino en Fitur

 

Logo da súa recente declaración como reserva de biosfera, a Xunta de Galicia proxecta reforzar a aposta pola promoción económica e turística e o desenvolvemento sostible da Ribeira Sacra, un territorio que se estende entre as provincias de Ourense e Lugo. A este obxectivo destinará nos dous próximos anos un investimento de ata 1,5 millóns de euros para actuacións que contribúan á posta en valor do seu patrimonio natural.

Así o destacaba onte na Feira Internacional de Turismo en Madrid, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, convidada polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra xunto á directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a participar na presentación Ribeira Sacra, agora si, destino Reserva de Biosfera no marco da Feira Internacional de Turismo (Fitur).

A declaración en setembro do ano pasado da Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, a sétima da Comunidade, por parte da Unesco; súmase ás outras figuras de protección a nivel nacional e internacional das que xa gozaba un territorio que, tal e como lembrou a directora, forma parte xa da Rede Natura 2000, ademais de albergar espazos naturais de interese local e o único Xeoparque Mundial declarado ata o momento en Galicia, o de Montañas do Courel.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, tamén participaba onte nos actos de presentación das propostas turísticas presentadas polo Consorcio da Ribeira Sacra, indicando a estreita colaboración que existe entre todas as administracións e entidades para impulsar estes destinos e para dar a coñecer a súa potencialidade. Subliñou neste sentido o máximo compromiso da Deputación ao cooperar economicamente co territorio da Ribeira Sacra para sacar adiante o Plan de Sustentabilidade Turística que lles concedeu o Goberno de España, a través do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

“Eu sempre digo que a Ribeira Sacra é un trozo de paraíso no interior de Galicia, e a súa declaración como Reserva da Biosfera é un dos feitos que o confirma”. Subliñou José Tomé que esta distinción da UNESCO “foi unha gran noticia para a comarca e para a provincia, porque supón un novo recoñecemento internacional da riqueza medioambiental coa que contamos na provincia, que ten máis do 80% do seu territorio incluído nunha Reserva da Biosfera”.

Ademais, lembrou un fito importante para a Ribeira Sacra que fixo no 2021 coa publicación da guía sobre o románico deste territorio. “Unha peza máis na nosa estratexia para potencial o románico como recurso turístico despois de conseguir incluír Lugo na Ruta Transrománica do Consello de Europa”.

 

Artigos relacionados

Back to top button