CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

A riqueza dos cantos de seitura de Manzaneda e Terras de Trives, en Madrid

A Casa de Galicia vén de acoller a presentación dun estudo do musicólogo Xosé Lois Foxo sobre este temática

 

Unha valiosa mostra da tradición e riqueza musical da comarca das Terras de Trives achegábase o xoves 19 de decembro na Casa de Galicia en Madrid. Este era o escenario no que se presentaba o libro “Cancioneiro da seitura de Manzaneda e Terras de Trives”, de Xosé Lois Foxo, unha obra editada polo Consello da Cultura Galega coa colaboración dos concellos de Manzaneda, A Pobra de Trives e San Xoán de Río, a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia.

Este volume constitúe un estudo antropolóxico e musical desta comarca de montaña galega, recolle a herdanza transmitida nos cantos e músicas de Manzaneda e a contorna das Terras de Trives antes de que aparecesen os discos e a radio, un traballo de investigación e recompilación ao que Foxo dedicou máis de corenta anos, e vai a compañada dun USB con vídeos con interpretacións das cancións que compoñen o cancioneiro.

Este acto foi presentado polo folklorista e gaiteiro Fernando Molpeceres e nel interviñeron, ademais do autor, o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, o coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez, e os alcaldes desa comarca da alta montaña ourensá: Patricia Domínguez Barja, da Pobra de Trives, Amable Fernández Basalo, de Manzaneda, e Xosé Miguel Pérez Blecua, de San Xoán de Río.

A presentación incluía tamén alegres intervencións musicais das “cantareiras” Blandina de Cotarós, Fiuca de Trives e Digna de Vilanova, así como a presenza dunha “Mázcara” (personaxe central do Entroido de Manzaneda, que se caracteriza pola súa danza ao ritmo do fulión) e a actuación da Banda de Gaitas Lume de Biqueira, que pechou a presentación e deu paso a unha degustación de produtos da zona (bica, embutidos, etc.) ofrecida polos concellos da comarca das Terras de Trives.

O autor do libro explicaba que o “Cancioneiro da Seitura de Manzaneda e Terras de Trives” recolle os cánticos que se conservaron desde a Idade Media nesta zona da alta Montaña de Ourense” e que “os cantos de seitura ou de sega, constitúen o documento máis étnico da tradición musical de Galicia, remontándose ao século VIII”. O libro vai acompañado dun USB que recolle as gravacións de campo que ten realizado ao longo de corenta anos nesta zona; ademais de documentación fotográfica da xente da comarca e un vídeo dos informantes.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button