CulturaCulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

A ritmo de vilancicos no Concerto de Nadal do Orfeón e da Banda de Música do Barco

Ambas formacións musicais actuaban a partires das oito e media da tarde do 21 de decembro na igrexa de Santa Rita do Barco

Interpretando de forma conxunta “Feliz Navidad” a Banda de Música do Barco e o Orfeón Valdeorrés poñían fin co público en pé o Concerto de Nadal que celebraban na tarde do 21 de decembro na igrexa de Santa Rita barquense.

Era un recital de máis de hora e media de duración ante un numeroso público. Comezaba coa actuación do Orfeón Valdeorrés, dirixido por José Ramón Mansilla, que interpretaba media ducia de temas, boa parte deles vilancicos. De seguido, saían os membros da Banda de Música do Barco e tocaban, baixo a batuta de Manuel Prada Ramos, un repertorio moi variado con pezas como “New York, New York”, “No llores por mí Argentina” ou “Uma noite en Lisboa”.

Finalmente, xunto co Orfeón Valdeorrés tocaban os coñecidos vilancicos “Campana sobre campana” e “Arre boquito”, animando tamén ao público a acompañalos. Xa nos bises soaba o citado “Feliz Navidad”. O acto concluía cun intercambio de agasallos entre os representantes do Orfeón Valdeorrés e os da Banda de Música do Barco.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button