CulturaCulturaEducaciónEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

A romanización en Valdeorras e o labor do grupo Os Escarbadores, recollidos nun documental

“Na procura do noso pasado romano”, realizado neste curso por profesorado e alumado dos IES Lauro Olmo e Cosme López, presentábase na tarde do 20 de xuño no Centro Cultural Avenida da Rúa

Cando a principios deste curso dous grupos de alumnos de Bacharelato dos institutos Lauro Olmo do Barco e Cosme López da Rúa comezaron a traballar de forma conxunta, e coordinados polos departamentos de Latín de ambos centros, sobre a romanización en Valdeorras non se lles pasaba pola cabeza que aquilo ía derivar nun proxecto audiovisual. Así o contaban eles mesmos no documental “Na procura do noso pasado romano”, que se proxectaba por primeira vez na tarde do 20 de xuño no Centro Cultural Avenida da Rúa cunha sala chea de público.

Este traballo está estruturado en dúas partes, ás que se dá paso tras unha breve introdución sobre a orixe da iniciativa e os diferentes momentos polos que pasou o proceso. “As primeiras pegadas romanas en Valdeorras” é o título da primeira parte, na que os estudantes seguen a pista, nun traballo de campo e guiados por expertos como Santiago Ferrer e Luis Enrique Rodríguez, a algúns dos restos romanos que aínda se conservan na comarca. Así achéganse ás aras romanas  do Libero Patri (Santurxo, O Barco), a de Tileno (O Barco) ou á lápida funeraria de Lucio Pompeio Reburro Fabro (A Rúa Vella), ademais de localizar os restos romanos que aínda poden verse en construcións da vila de Petín ou na igrexa de Santa María de Mones (Petín) e afondar na ponte da Cigarrosa, pola que hai 2.000 anos pasaba a Via Nova.

 

 

Na segunda parte amosaban o labor dun grupo entusiasta de afeccionados á arqueoloxía que desvelaron unha parte importante do patrimonio romano da zona a partir dos anos 60: Os Escarbadores. Aquí facíase un percorrido pola historia do grupo, os seus integrantes e, de xeito especial, no mosaico de motivos mariños da Cigarrosa (A Rúa), que sacaban á luz en 1969. Eran un dos tres mosaicos que se descubrían nesa mesma zona. Tamén se destaca o legado que deixaron en futuras xeracións, xa que había membros do grupo moi novos que, nalgún caso, encamiñaron o seu labor profesional ao mundo da arqueoloxía.

O documental conclúe cunha chamada á esperanza, tendo en conta que o grupo desfíxose décadas atrás e que as pezas do seu museo espalláronse nuns casos, e noutros desapareceron. E tamén se fala do futuro e das accións que se pretenden acometer de cara a recordar ese traballo e dalo a coñecer.

 

 

Así remata “Na procura do noso pasado romano”, un proxecto froito de moitos meses de búsqueda de documentación, de entrevistas, gravacións, de procesado de datos e de preparación do documental co fin de afondar na memoria romana valdeorresa. Un proxecto no que o alumnado estivo coordinado polos profesores de Latín Carmen Díaz (IES Cosme López) e Xulio Parada (IES Lauro Olmo), así como José Ramón Crespo, de Bioloxía (IES Cosme López).

Era Carmen Díaz quen se dirixía ao público ao inicio do acto para contextualizar o traballo e agradecer a colaboración e xenerosidade das persoas que aportaron os seus testemuños (entre eles tres dos Escarbadores que aínda viven: Ángel Fernández, Miguel Ángel Estévez e José Luis González), documentación ou orientacións para facelo posible e, dese xeito, embarcar nesta viaxe no tempo e na historia tanto ás persoas que elaboraron o documental como aqueles que o vían na pantalla do Centro Cultural Avenida. Algo moi importante xa que, tal e como dicían os propios alumnos, permite “aprender a mirar o patrimonio cultural que os rodea con outros ollos”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Na galería de imaxes poden verse diversos fotogramas do documental.

 

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close