CulturaCulturaÚltima hora

A Rúa acolle a última presentación do libro “Paisaxe do Camiño de Inverno”

O acto celebrábase no Centro Cultural Avenida coa presenza do autor do libro fotográfico, Adolfo Domínguez

 

Monforte, Lalín, Quiroga, Rodeiro e por último A Rúa. Na tarde deste venres 3 de setembro, remataba no Centro Cultural da Rúa, a ruta de presentacións do proxecto “Paisaxe do Camiño de Inverno”.

O acto comezaba co reparto de exemplares entre os asistentes e de seguido era o concelleiro de Cultura, Turismo e Deportes da Rúa, José Vicente Solarat quen presentaba aos convidados: o promotor do proxecto, o fotógrafo Adolfo Enríquez e algúns dos seus colaboradores na publicación como José Taboada, presidente do Colexio de Xeógrafos de Galicia (autor do prólogo) e Mª Asunción Arias, presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras (autora de parte dos textos xunto a Aida Menéndez, presidenta da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra). Entre o público tamén estaba o alcalde da Rúa, Álvaro Fernández, e parte da corporación municipal, entre outros.

 

Presentación do libro na Rúa.

 

“Paisaxe do Camiño de Inverno” é un proxecto encadrado no programa O Teu Xacobeo, que busca contribuír á promoción desta ruta xacobea, oficial desde 2016, situando a súa paisaxe natural cultural como un recurso turístico de gran valor.

Estruturado a través de comarcas e con 148 páxinas e 97 fotografías a todo cor, o libro presenta un fiel reflexo do extenso e destacado patrimonio natural deste Camiño, no que as paisaxes fluviais son os grandes protagonistas, tal como explicou o propio fotógrafo que neste traballo pon o seu traballo ao servizo da promoción turística do Camiño de Inverno “o gran descoñecido, un camiño precioso e natural seguindo sempre o curso do río que pouca xente coñece”, en palabras de Adolfo Enríquez. El mesmo explica que a fixo moita fotografía aérea (tanto en helicóptero coma con dron) para amosar esa paisaxe “como se vei cada localidade, onde está enmarcada, logrando imaxes inéditas amosar este camiño dende unha perspectiva diferente”.

 

O fotógrafo coruñés Adolfo Enríquez co libro.

 

Na súa intervención, o xeógrafo José Taboada destacou a capacidade do libro para combinar paisaxes singulares con paisaxes cotiás; aqueles aos que, por estar habituados a eles, non damos tanto valor, pero que si resultan de interese e chaman a atención de turistas e visitantes. Taboada tamén fixo referencia á palpable pegada histórica do home nas paisaxes deste roteiro, especialmente destacable en Montefurado, as Médulas ou os bancais do Sil e o Miño. Pola súa banda, Asunción Arias, fixo fincapé na importancia de dar valor ao Camiño de Inverno, “un roteiro xacobeo único, cun trazado singular que percorre as catro provincias galegas”, dixo, sinalando tamén o importante papel que xogan os veciños das localidades polas que discorre o Camiño de Inverno, sendo hospitalarios cos peregrinos e valorando a riqueza do Camiño, algo fundamental para a súa promoción. A ese respecto, Arias quixo destacar o labor dun dos asistentes ao evento, Ramón García “Ragar” ao que definiu como “punta de lanza” na promoción do Camiño en Valdeorras.

Á parte da presentación, o proxecto inclúe unha exposición con algunhas das imaxes do libro, que poderá visitarse na entrada do Centro Cultural Avenida, en horario de proxeccións cinematográficas (especialmente na fin de semana).

A versión dixital do libro estará a disposición de todos os usuarios, con acceso gratuíto a través da web http://www.paisajedelcaminodeinvierno.com

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button