DeportesÚltima hora

A Rúa acollerá o 5 de maio a IV Carreira e Andaina contra o Cancro

Esta cita deportiva e solidaria está promovida polo Club Atletismo Rúa e terá como padriño nesta edición ao oncólogo valdeorrés Jesús García Mata
Atletas valdeorreses nunha edición anterior desta carreira solidaria./ Foto: Carlos G. Hervella.

Ao longo dun circuíto de 8.500 m (sen desnivel e apto para todos os públicos) terá lugar a IV Carreira e Andaina contra o Cancro da Rúa. Esta cita popular, que promove o Club Atletismo Rúa coa colaboración do Concello, está programada para o 5 de maio e terá como saída e meta a Estación de Autobuses da vila. Nesta edición terá como padriño ao doutor Jesús García Mata, xefe do servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Universitario de Ourense (CHUO).

Os primeiros en tomar a saída serán os camiñantes ás 11h. Media hora despois comezará a carreira absoluta (8.500 m), e a partir das 11:40h. daranse as saídas (cada dez minutos e por esta orde) dos Sub18-Sub16 (2.200 m), Sub14 (1.000 m), Sub 12 (500 m), Sub10 (300 m), Prebenxamíns e Chupetíns (150 m).

As persoas interesadas en participar poderán inscribirse ata as 23:59 horas do venres 3 de maio de de modo online en www.galitiming.com ou presencialmente nas tendas TriSport da Rúa e do Barco. O custe da inscrición é de 10 para maiores de 16 anos e de 5 euros para os menores de 16.

O recaudado será doado á delegación da Asociación Española contra o Cancro (AECC) en Valdeorras. Tamén haberá un dorsal 0 “para todo aquel que queira aportar se non pode vir ao evento”, din os organizadores.

 

Artigos relacionados

Back to top button