DeportesÚltima hora

A Rúa acollerá o campionato provincial de campo a través

A proba celebrarase o domingo 10 de xaneiro a partires das 10:45h.
Presentación do campionato provincial de campo a través na Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.
Presentación do campionato provincial de campo a través na Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.

En 1986 O Aguillón da Rúa acollía por primeira vez un cross. Trinta anos despois, nese mítico circuíto celebrarase unha nova proba atlética, desta volta de carácter provincial e para tódalas categorías. Trátase do campionato provincial de campo a través (categorías menores e absoluto), Copa Deputación que terá lugar o vindeiro domingo 10 de xaneiro.

A presentación da carreira tiña lugar na tarde do 4 de xaneiro no Concello da Rúa, contando coa presenza da alcaldesa María G. Albert; do delegado da FGA en Valdeorras, Manuel Teijeiro; do presidente do Club Adas-Proinor, Agustín González; do representante do Club Atletismo Rúa, Iván Dosantos; e do concelleiro de Deportes da Rúa, Avelino Fernández.

No acto, o delegado da FGA explicou que a proba comezará ás 10:45h. coa carreira cadete e iranse sucedendo as diferentes categorías ata chegar ás probas máis interesantes: as absolutas de mulleres e homes previstas para as 12:45 e 13:20h. respectivamente, coa entrega de trofeos en torno ás dúas da tarde.

Para o campionato espérase unha participación alta. “Como mínimo contaremos con dez clubs, sobre 250 atletas federados, a ver se chegamos aos 300”, dixo o presidente do Adas, Agustín González.

Ademais da competición federada, O Aguillón recupera o Cross de Reis, unha proba popular aberta a todo o mundo.

Máis información na edición en papel do periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button