CulturaCulturaÚltima hora

A Rúa acollerá o sábado 13 de marzo unha xornada de promoción do Camiño de Inverno

Organizado pola Orde do Camiño de Santiago celebrarase a partir das 11:30h. no Centro Cultural Avenida

 

Poñer en valor e dar visibilidade ao Camiño de Inverno, pero dende o propio territorio, amosando as potencialidades da zona aos propios veciños. É o obxectivo do proxecto “Coñece os Camiños” posto en marcha pola Orde do Camiño de Santiago, que o vindeiro sábado 13 de marzo recalará na Rúa para promocionar o Camiño de Inverno que atravesa a comarca de Valdeorras.

A iniciativa, patrocinada polo Xacobeo 2021, era presentada na mañá deste martes 9 de marzo no Salón de Plenos do Concello da Rúa nun acto que contou coa presenza do concelleiro de Cutura rues José Vicente Solarat e do vicepresidente da Orde, Alejandro Rubín.

Rubín explicou que o obxectivo desta iniciativa “non é tanto a xente de fóra senón os propios veciños dos pobos polos que pasa o Camiño. Que eles mesmos coñezan as potencialides que ten esta ruta (para moitos a máis bonita), tanto a nivel cultural como natural e mesmo folclórico, para que sexan capaces de explicarllas aos peregrinos”, dixo, incidindo en que “isto é para Valdeorras e o feito de que veña xente de toda Galicia para a xornada só ratifica a importancia desta ruta”.

 

Alejandro Rubín colocándolle o pin da Orde do Camiño de Santiago a José Vicente Solarat.

 

O programa, que se celebrará no Centro Cultural Avenida “en sala a determinar debido á situación sanitaria”, puntualiza Solarat, inclúe música, conferencias e mesmo unha visita guiada. “Partiremos do Camiño de Santiago en xeral ata chegar ao de Inverno pasando pola sostibilidade”, dixo o vicepresidente da Orde. Así, a xornada comezará ás 11:30h. coa inauguración e a actuación musical a cargo de solistas da Real Banda de Gaitas. De seguido, o presidente da Asociación de Touroperadores de Galicia Francisco J. Ares falará sobre “O Camiño de Santiago, Camiño Cultural Europeo”. A seguinte conferencia correrá a cargo de Aida Menéndez, presidenta da Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, quen falará sobre “O Camiño de Inverno: un percorrido xacobeo entre ríos, viñedos, vestixios romanos e a singular terra monástica da Ribeira Sacra”. A última disertación, correrá por conta de Bruno de Llano, especialista en xestión local e autonómica de Ecoembes.

O broche á primeira parte da xornada será musical cunha nova actuación dos solistas da Real Banda de Gaitas, pero o programa continuará pola tarde cunha visita polo municipio da Rúa a partir das tres e media, prestando especial atención á Ponte da Cigarrosa e o seu entorno así como a zona de Fontei.

Os actos realizaranse seguindo un riguroso protocolo anticovid e están abertos a toda a poboación (respectando os aforos e distancias), “facendo un chamamento especial aos membros da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras e da Ruta do Viño, así como a todo aquel que esté interesado”, lembra José Vicente Solarat que antes da presentación recibía o pano e o pin de peregrino da Orde do Camiño de Santiago. “Con este proxecto non só pretendemos dar visibilidade ao Camiño entre a poboación de Valdeorras, senón que tamén se promocionará máis alá das nosas fronteiras a través da Orde, presente en 34 países”, concluía Rubín.

Fotos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button