CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

A Rúa acollerá un acto sobre a UNED para “amosar a Universidade aos municipios do oriente ourensán”

A cita será o vindeiro xoves 26 de setembro ás 20h. no Centro Cultural Avenida

Sede da UNED Valdeorras no colexio Manuel Respino da Rúa./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Co obxectivo de “dar a coñecer a Universidade Nacional de Educación a Distancia no oriente ourensán”, o vindeiro 26 de setembro chegará á Rúa o programa “Que é a UNED?” nun acto previsto para as 20h. no Centro Cultural Avenida.

Na sesión intervirá o representante da presidencia da Xunta Reitora da UNED en Ourense, Rosendo Fernández; o director do Centro Asociado á UNED en Ourense-Aula Universitaria da Rúa, Jesús Manuel García Díaz; o alcalde da Rúa, Álvaro Fernández López; e os egresados da UNED, Dominica Murias Borrajo e Diego González Álvarez, ambos graduados en Dereito. Tamén asistirá a secretaria do Centro Asociado, María Concepción Álvarez Gómez e foron convidados todos os alcaldes da zona así como os veciños e directores dos institutos.

Hoxendía, a estrutura da UNED en Ourense está formada por un Centro Asociado na capital, no que se atopa todo o aparato administrativo, educativo e de dirección; e a Aula da Rúa, onde se desenvolven titorías, ademais de celebrarse cursos de extensión universitaria, pero a súa orixe remóntase anos atrás na Rúa. Concretamente ao ano 1989, data do informe titulado Centro Asociado da UNED na Galicia Suroriental, promovido pola Asociación Cultural de Valdeorras.

 

Asistentes a un curso sobre técnicas de viticultura na UNED, na Rúa. /Foto cedida.

 

Tal como avanzan dende a propia Universidade, trala análise xeográfica e económica da zona “mencionábase ubicar o centro no colexio diocesano Pablo VI”. En dito documento incluíase como concellos para ese futuro centro os de Carballeda de Valdeorras, Castro Caldelas, Chandrexa, O Barco, O Bolo, Folgoso do Caurel, A Gudiña, A Mezquita, A Veiga, A Rúa, Larouco, Manzaneda, Monforte de Lemos, Petín, A Pobra de Trives, Proba de Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, San Xoán de Río, Rubiá, Viana do Bolo, Vilamartín e Vilariño de Conso. Municipios que naquel momento sumaban 102.106 habitantes e dispoñían de 1.162 núcleos de poboación. “Aquel primeiro centro tivo como impulsor ao director do colexio, o sacerdote Zacarías Fernández Anta, que conseguiu os apoios necesarios para abrir as instalacións”. Naquel primeiro curso de 1990 rexistráronse 70 alumnos e quince anos despois, a UNED valdeorresa situouse no colexio Manuel Respino, onde se mantén. Aquel primeiro centro pasou a ser unha extensión do Centro Asociado á UNED en Ponferrada, ata que 1992 entrou en servizo o de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button