A RúaConcellosÚltima hora

A Rúa aproba os orzamentos para o 2021 cos votos en contra do BNG e do PSOE

O total do presuposto aprobado en Pleno ascende a 2.996.096,05 euros

 

En menos de dous meses o Concello da Rúa aprobaba dous orzamentos e os dous en Plenos extraordinarios. O 21 de novembro e de forma telemática aprobábanse os presupostos de 2020 por un importe de 3.125.017 euros, con polémica por parte da oposición que impugnaba o texto por falta de documentación. E na tarde deste xoves 30 de decembro, a un día para rematar o ano, aprobábanse de forma presencial, os presupostos para o 2021, cun importe 2.996.096,05 euros e os votos en contra do BNG e do PSdeG- PSOE.

 

O alcalde da Rúa, o popular Álvaro Fernández.

 

Trátase, segundo o alcalde popular Álvaro Fernández, “dos mellores presupostos que podiamos presentar, xa que 2021 preséntase con moita incertidume, e trátase dunha planificación que consideramos correcta, tendo en conta que se poden modificar en sesión plenaria en función das necesidades, movendo as partidas duns capítulos a outros en función da necesidade”. A maior partida deste orzamento é para gastos correntes en bens e servizos, dotado con 1.487.990,077 euros o que representa o 49,64% do total; seguida do de persoal (tanto funcionario como laboral fixo e temporal) con 973,403,76 euros, o que supón o 32,49%. Fernández cre que a aprobación presupuestaria permite “traballar con comodidade e coherencia, sendo unha planificación realista”.

 

A concelleira nacionalista María G. Albert.

 

Opinións moi diferentes teñen dende a oposición, tanto BNG como Psde-G PSOE, con duras críticas non só aos presupostos senón ás formas, asegurando que non era o día axeitado para un Pleno tan importante, en plenas festas de Nadal, criticando ademais o pouco tempo que tiveron para estudar os datos antes da comisión de Facenda.

Con respecto aos texto en si, a voceira nacionalista María G. Albert sorprendeuse da falta de explicacións por parte do alcalde. “As cousas hai que facelas, polo menos, gardando as formas”, dixo, destacando que se tratan duns presupostos moi similares aos do 2020 nos que sorprende, entre outros temas “a mesma aportación para o apartado de festas e actos culturais cando no 2020 non se fixo absolutamente nada, non sei como van facer”.

 

O socialista Luis Fernández Gudiña.

 

O voceiro socialista Luis F. Gudiña pola súa banda, asegurou que se tratou dun “debate surrealista, xa que imos aprobar uns presupostos dos que non se nos resolven as dúbidas”, chegando a propoñer que os deixaran sobre a mesa para aprobalos no vindeiro Pleno ordinario que se celebrará o 11 de xaneiro. Fernández Gudiña tamén dubidou dos criterios seguidos pola alcaldía no anexo de subvencións, destacando que “deberiamos potenciar o Camiño de Inverno porque os 5.000 euros presupostados van quedar moi curtos, especialmente de cara ao Ano Santo Xacobeo de 2021”.

 

O independente José Vicente Solarat.

 

O representante deo RUA José Vicente Solarat, pola súa banda, asegurou que os presupostos son “un intrumento para axilizar trámites pero son modificables xa que ninguén pode prever o que pasará. Temos que ser conscientes dos nosos feitos e asumir os erros”, dixo dirixíndose á oposición.

Neste pleno tamén se aprobaba, cos votos do equipo de goberno (PP e RUA), a “desestimación das alegacións presentadas polo BNG aos presupostos do presente exercicio”, un punto que xeraba discordia no Pleno e mesmo enfrontamentos verbais entre os grupos políticos. O punto sobre a aprobación das actas quedaba sobre a mesa.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button