EconomíaEconomíaÚltima hora

A Rúa celebra esta fin de semana a V edición da Baco Festa, no Aguillón

A inauguración será mañá, venres 10 de agosto ás 20h. na Ponte da Cigarrosa
A comitiva chegando ao recinto feiral na anterior edición da Baco Festa./ Foto: Mónica G. Bellver.

Con varias novidades se presenta a V edición da Baco Festa, a iniciativa coa que o Concello da Rúa promociona os viños da D.O. Valdeorras ao tempo que rememora o pasado romano da vila. A primeira afectará directamente ao recinto feiral na área recreativa do Aguillón, cunha decoración máis potente e traballada que nas anteriores edicións. Outra é a actividade musical que haberá no mediodía tanto do sábado coma do domingo así como o convite ao Concello de Vilamartín que será o encargado do pregón. Tamén é nova a incorporación ao programa dun xantar popular o domingo.

Polo demais, o formato da festa mantense na fin de semana do 10 ao 12 de agosto. A inauguración será mañá venres ás 20h. na Ponte da Cigarrosa onde se encontrarán as comitivas da Rúa e Petín para continuar rumbo ao recinco onde terá lugar o pregón e a degustación de viños. Pola noite serán as Xornadas de Folclore (22:30h.). O sábado ás 13h. actuará o grupo Star Blue e pola noite un concerto de música dos anos 70-80 a cargo de La Jaula a partires das 23:30h.

O horario do recinto tanto o sábado coma o domingo será aproximadamente de 12 a 14:30 e de 19 a 23:30h. con diferentes actividades (xogos, obradoiro participativo de escribanía en letra romana, espectáculos de cetrería,…)

A música ao vivo no mediodía do domingo correrá por conta do grupo Habana Vieja (13h.) co xantar previsto para as 14h. sendo a charanga Takicardia quen se encargue de clausurar musicalmente esta edición da Baco Festa (ás 20h.) que pechará as portas en torno ás dez da noite.

Máis información no Especial Festas de Agosto da edición en papel do Periódico O Sil.

 

Programa da V Baco Festa.

Artigos relacionados

Back to top button