ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A Rúa conmemora o Día Internacional contra a Violencia de Xénero

A concentración reivindicativa tiña lugar no mediodía do 25N diante do Concello

 

Un ano máis os veciños da Rúa concentrábanse na praza José Antonio Míguez Freire nun acto reivindicativo contra a violencia de xénero. Concovada dende o Concello, a concentración tiña lugar na mañá do 25 de novembro, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller, contando coa asistencia de Cruz Vermella Valdeorras que instalaba unha mesa informativa e unha gran flor violeta para que a xente deixase as súas mensaxes. A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Joana Gómez, era a encargada de ler o manifesto por un mundo sen violencia machista.

 

Flor con mensaxes, de Cruz Vermella Valdeorras.

 

Ademais do acto desta mañá, o programa do 25N na Rúa inclúe outras actividades. Por un lado, obradoiros de prevención nos colexios para fomentar a igualdade dende idades temperás. Serán impartidos por Ánxela González (ODAIKO Educación), hoxe para alumnos de 1º da ESO no IES Cosme López e mañá para os de 5º e 6º de Primaria no colexio San Pablo VI-Fátima.

Por último, o mércores 27 haberá un encontro-debate sobre a abordaxe da violencia de xénero (prazo de inscrición aberto ata mañá). Será na Aula Multiusos do Centro Cultural Avenida a partir das sete da tarde, e estará coordinado por Elsa Rodríguez trala proxección dunha curtametraxe.

Fotos cedidas

Artigos relacionados

Back to top button