En portadaÚltima hora

A Rúa e Sarreaus pasan a nivel medio-alto de restricións

Este endurecemento implicará, entre outras cuestións, o peche perimetral destes municipios. Esta medidas poderían aplicarse a partir desta mesma noite, segundo Sanidade

Panorámica do concello da Rúa./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Na rolda de prensa que se ofrecía tras a reunión do Subcomité Clínico que segue a pandemia do Covid-19 en Galicia, dábase a coñecer que A Rúa e Sarreaus pasan, entre outros concellos galegos, a nivel medio-alto de restricións, así o anunciaba o conselleiro de Sanidade, Julio García. “Pediráselles un esforzo adicional aos veciños deses concellos”, que ata de agora estaban no nivel básico de restricións.

O caso da Rúa “non é novo, levamos un par de semanas comentando a súa situación, estamos vixilantes, viámos que tiña unha evolución que parecía que se ía estabilizando, pero vemos que hai un aumento de 5 casos nos últimos tres días, por iso se decidiu aumentar as restricións”, indicaba Carmen Durán, directora xeral de Saúde Pública.

Este cambio no nivel de restricións implicará que a hostalaría estará aberta ata as 17 horas, cun 30% de aforo no interior e 50% no exterior e limítanse as agrupacións a un máximo de 4 persoas. Ademais queda restrinxida a mobilidade noctura de 23:00 a 6:00h. e tamén hai limitacións especiais de mobilidade, cun confinamento perimetral, tal e como matizaba o conselleiro de Sanidade.

 

O conselleiro de Sanidade, durante a rolda de prensa tras o Subcomité Clínico desta mañá.

 

Por contra, pasan a nivel medio de restricións Ribadavia e Xinzo de Limia, no caso da provincia de Ourense, que ata agora están en nivel medio-alto de restricións.

A intención da Consellería de Sanidade é que estas medidas entren en vigor ás 00h. desta mesma medianoite, tras a súa publicación esta tarde no Diario Oficial de Galicia, tal e como avanzaba Julio García.

Nivel de observación “detallado” no Barco e Verín

Ademais, estarán nun “nivel de observación detallado” os concellos do Barco e Verín, no caso da provincia de Ourense. No caso de Verín isto débese a que “acaba de saír dunha desescalada e preocúpanos o incremento que estamos vendo, de momento, son pequenos, de aí esa especial observación”, indicaba o conselleiro de Sanidade.

Máis información:
https://osil.info/cribado-poboacional-de-covid-na-rua-o-vindeiro-domingo/

Artigos relacionados

Back to top button