En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A Rúa espera poñer en marcha en Semana Santa, as rutas en catamarán polo encoro de San Martiño

As primeiras probas de navegabilidade facíanse na mañá do 3 de decembro

 

Cando na campaña electoral o cabeza de lista do RUA, José Vicente Solarat propoñía a creación dunha ruta en catamarán polo encoro de San Martiño, a idea soaba pouco viable, mesmo unha utopía, pero sete meses despois con Solarat no Concello é unha realidade que podería botar a andar en Semana Santa de 2020.

Para demostrar a navegabilidade das augas do Sil, na mañá do 3 de decembro Alejandro Vieitez, responsable da empresa Siltrip que traballa con barcos turísticos pequenos no Canón do Sil en plena Ribeira Sacra, achegábase ata A Rúa cunha das súas embarcacións para probar o percorrido, con dous pases para membros da corporación, medios de comunicación e algún que outro veciño. Durante a segunda viaxe incluso recolleron á alcaldesa de Petín Raquel Bautista, levándoa de paseo ata O Aguillón.

 

José Vicente Solarat antes de embarcar.

 

Non escolleron o mellor día para as probas, con néboa e unha temperatura moi baixa pero o resultado, malia o frío, foi do máis satisfactorio. Antes de embarcar por segunda vez, esperando que o sol fixese acto de presenza, Solarat explicou que o percorrido é duns 7 quilómetros de ida e outros 7 de volta, dende un dos peiraos do Aguillón ata a presa de San Martiño. “Serán en total uns cincuenta minutos de traxecto e estamos pensando en programar paradas en diferentes puntos como Petín, a antiga fábrica de luz (cando consigamos os permisos para visitala) e outras zonas para un posible baño”, di, asegurando que despois trátase de aproveitar a pasisaxe e a historia que rodea á zona. “A nosa idea é aproveitar as catro pontes: a máis antiga que é a de orixe romana, a nova de Petín, a novísima da N-120 e a do ferrocarril, unido ao viñedo, á Vía XVIII, á paisaxe…”. En definitiva trátase de “darlle a quen visite A Rúa a posibilidade dun servizo de navegación polo río Sil, dando a coñecer o  noso entorno, co obxectivo, unha vez máis, de impulsar os sectores do turismo e dos servizos”.

 

A alcaldesa de Petín Raquel Bautista e o concelleiro de Cultura, Deporte e Turismo da Rúa, José Vicente Solarat, brindando cun godello de Valdeorras.

 

A idea do Concello é sacar o proxecto a concesión pública. “Nós facilitariamos as instalacións coas que xa contamos mellorándoas un pouco para facilitar o acceso á embarcación, utilizando o entorno do Refuxio para a distribución de servizos tanto de billetes, como aseos e apoio loxístico. Trataremos de poñelo en marcha para Semana Santa ata o mes de outubro máis ou menos”, adianta Solarat.

Alejandro, con máis de dez anos de experiencia na Ribeira Sacra pola súa banda asegurou que esta ruta ten de todo. “Podes falar de natureza, de animais, o Camiño de Inverno, románico, historia, o encoro perfectamente navegable”. Con respecto á embarcación que esta mañá navegou polo Sil, trátase dun barco tipo “ponton” de orixe americana e moita estabilidade para doce persoas moi ben equipado con asentos de coiro, escaleras, cambiadores, mesas auxiliares, de máis luxo que os típicos.

 

O catamarán co que fixeron a proba na mañá do 3 de decembro.

 

Fotos: Mónica G. Bellver excepto a última da galería que é cedida.

 

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close