ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A Rúa homenaxea ao club de fútbol e a Vicente Solarat Maceda

O acto tiña lugar na mañá do 26 de xaneiro no Centro Cultural Avenida antes do xantar do Codillo

O deporte foi o gran protagonista das homenaxes que habrían, na mañá do 26 de xaneiro, a XII Festa do Codillo da Rúa. O primeiro en recibir o recoñecemento por parte do Concello era o C.D. Rúa, o club de fútbol que este ano celebra o 50 aniversario. Foi en marzo de 1969 cando se federan os equipos sénior e xuvenil, sendo o primeiro club valdeorrés que participaba na liga provincial de modestos, pero o fútbol xurdía na Rúa anos atrás, da man de xente como Lolo Cebrián, Quin, Sisito ou Franco. Son só algún dos datos que apareceron no vídeo que proxectaban no acto trala presentación por parte do concelleiro de Deportes Avelino Fernández. Máis de medio século de historia pola que pasaron numerosas directivas ata chegar á actual con Faustino á cabeza e Javier Ferrer como adestrador do equipo que milita en 2ª autonómica.

No acto estaban presentes varios dos presidentes que puxeron todo da súa parte para manter o equipo na vila, sendo actualmente a base a aposta máis forte con centos de nenos nas categorías inferiores. Entre eles Couso, o maior, que falou con paixón ante os asistentes, asegurando que o máis importante era “a unión do pobo co club que logrou que todos os que participamos empregaramos todas as nosas forzas por sacalo adiante”, e lembrando que aos nenos que xogan ao fúbtol estanos educando para o futuro, tendo ademais palabras de cariño para Anduriña. Tamén subíu ao escenario Aurelio Neira, agradecendo a colaboración de todos os directivos e xogadores que pasaron polo club nos 25 anos que el estivo á fronte. “Como non tiven fillos que xogaran ao fútbol envorqueime cos xogadores”, dixo, cedendo a palabra a Bolo, o máis novo, que lembrou dun xeito especial a Rogelio Solarat, a Berto e Malira e a Ángel Yáñez (presente no cine pero delicado de saúde) “o presidente co que debutei como xogador”, dando as grazas a “todos os que facedes o C.D. Rúa sexa presente e non só historia”. Como membro da actual directiva e técnico do equipo sénior Javi Ferrer foi o primeiro en dar, moi emocionado, as grazas a todos os que os apoian.

A encargada de entregar a placa conmemorativa era a alcaldesa de Lourenzá Rocío López, convidada a esta edición da Festa do Codillo.

 

Ángel Yáñez, un dos presidentes do C.D. Rúa, recibindo a placa de mans da alcaldesa de Lourenzá.

 

O segundo homenaxeado do día, a título póstumo, foi Vicente Solarat Maceda, un home de poucas palabras pero grandes feitos que non só tivo unha forte vinculación coa Rúa, sendo concelleiro durante varias lexislaturas co seu fillo José Vicente como alcalde, senón co propio C.D. Rúa do que formou parte durante moito tempo. Da súa presentación fíxose cargo o propio alcalde Luis Fernández Gudiña, explicando a grandes rasgos a súa biografía (foi o 5º de seis fillos de Rogelio -ferroviario- e Pilar, que casou con Ángela en 1955, tres anos despois de ser destinado á Estación de Tren A Rúa-Petín onde estivo ata a súa xubilación,…). Pero foi o seu carácter humano, traballador e sacrificado que tanto o definía o que o levou a ser digno merecedor da homenaxe. “Participou e colaborou con todos os colectivos da vila e durante a súa época como concelleiro foi o responsable de que A Rúa estivese nas mellores condicións posibles, especialmente a zona do Aguilón, unha das mellores paraxes da provincia e a conservación do campo de herba natural onde faleceu en febreiro de 2006”, explicou Fernández Gudiña antes de dar paso á proxección dun vídeo e ao alcalde de Almendralejo José García Lobato, encargado de entregar a placa á súa viúva Ángela Lopez, aos seus fillos Rogelio e José Vicente, e aos seus netos, Belén, Luis e Jimena. Dada a vinculación co fútbol, o alcalde tamén lles entregou unha camiseta do Extremadura UD, o equipo de Almendralejo que tan ben trataron na Rúa hai anos e que agora milita en segunda división.

Trala intervención dun emocionado José Vicente, encargado de dar as grazas pola homenaxe, o acto remataba igual que empezaba: coa música de Abertal.

 

A familia de Vicente Solarat Maceda, cos alcaldes da Rúa e Almendralejo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button