SanidadeÚltima hora

A Rúa non rexistra, polo momento, ningún caso activo de Covid

Así o vén de confirmar o Concello a traves dun comunicado publicado nas redes sociais

 

A Rúa está libre de Covid polo de agora. Así o vén de confirmar o Concello da Rúa a través dun comunicado publicado nas redes sociais. “A día de hoxe non hai casos activos de Covid”, indican.

Ademais o Concello da Rúa indica que se continúa cos “labores de limpeza e desinfección diaria dos lugares máis frecuentados, parques infantís…etc., e tanto a Garda Civil como a Policía Local están traballando para que se cumpran as normas establecidas. Ata o de agora, foron impostas máis de 212 sancións por parte das autoridades por incumprimento do confinamento e por non empregar mascarilla”.

Así mesmo, o Concello rues concreta que “a Policía Local está colaborando excepcionalmente e facendo un esforzo persoal prestando un servizo nocturno os sábados coa finalidade de axudar a que a parte da cidadanía menos concienciada actúe conforme ás normas sanitarias e de convivencia establecidas”.

E agradece asemade o apoio de Protección Civil da Rúa nos eventos que se realizaron ata agora (feiras, espectáculos, actos relixiosos… etc) e pídelle aos cidadáns que extremen as precaucións. “Aproveitamos para lembrar que, como xa é sabido, actualmente existen casos activos nalgúns concellos veciños que debido a súa proximidade e movemento inevitable entre poboacións supoñen un risco que só podemos aminorar insistindo en que é necesaria a colaboración de todos, en especial un esforzo extra dos establecementos para que cumpran e axuden a cumprir as medidas como vimos salientando nas nosas redes sociais e nas oportunidades que nos brindan os medios de comunicación”, di o Concello.

Artigos relacionados

Back to top button