EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A Rúa prepárase para o IV CaViño de Inverno

As Macizas Centrais actuarán na ruta de viños e pinchos polos locais de hostalaría prevista para o 29 e 30 de xuño
Imaxe da anterior edición do CaViño, na Rúa. /Foto: Carlos G. Hervella.

Música en directo polos locais, ruta de tapas, “trenecito”, concertos, máis de 2.000 agasallos directos, sorteos, catas comentadas, visitas a adegas e degustación dos viños de preto dunha vintena de adegas da D.O. Valdeorras. É o que ofrece o CaViño de Inverno, a ruta de viños e tapas polos bares da Rúa que a Asociación Sociocultural San Cristobal está ultimando.

A IV edición desta iniciativa será os días 29 e 30 de xuño e conta co apoio de gran parte da hostalaría ruesa así como coa colaboración do Concello, do C.R.D.O. Valdeorras, da Asociación do Camiño de Inverno, da Ruta do Viño de Valdeorras e decenas de empresas da comarca.

Os establecementos hostaleiros que que participan este ano son: O Pillabán, El Patio, O Retorno, La Barbería, Norte, As Piscinas, O Refuxio, Orballo, A Lareira, Stop, O Café, Cervecería, Bravo Lux, Sport’s, A Skina e Vikingos. E con respecto ao apartado musical, o venres actuarán Os Palletas e as Macizas Centrais; e o sábado Os Bertolini, Os do Recanto e Orouxobruxo.

 

Imaxe promocional do CaViño 2018.

 

A Asociación Sociocultural San Cristóbal está formada por un grupo de veciños da Rúa entre os que hai hostaleiros, comerciantes, amas de casa, estudantes,… e nace co obxectivo de organizar actividades dinamizadoras que estimulen a economía e as relacións socioculturais da comarca. Para iso, intentarán colaborar cos diferentes colectivos, asociacións e clubs da comarca para desenvolver accións conxuntamente. Á parte do CaViño previsto para finais de mes, xa teñen previstas iniciativas como o CarnaVrao ou a celebración de San Cristóbal, xa de cara ao mes de xullo.

Artigos relacionados

Back to top button