ConcellosÚltima hora

A Rúa prepárase para un intenso mes de actividades da man da Asociación San Cristóbal

Esta fin de semana celébrase un campionato de Enduro, cun circuíto de obstáculos no Aguillón e unha proba cronometrada polo monte
A I Cea de San Cristóbal reuníu a 500 persoas na rúa Doutor Vila. /Foto: Mónica G. Bellver.

Un ano despois da súa creación, a Asociación Sociocultural San Cristóbal segue apostando por organizar actividades dinamizadoras que estimulen a economía e as relacións socioculturais da comarca. Aseguran que o actual sistema de convivencia “ten abocado ás zonas rurais a unha paulatina descapitalización económica, social e cultural que fai que os poucos que nos decidimos a quedar no pobo, teñamos que ver como todos os días se pechan negocios, se eliminan servizos públicos e desaparecen actividades culturais e deportivas”, unha situación contra a que pretenden “loitar dentro das nosas posibilides”.

E para facelo intentarán colaborar con todos os colectivos, asociacións e clubs da comarca para  desenvolver accións conxuntamente. “Cremos nun futuro mellor para o noso pobo, para a nosa comarca, para nós e sobre todo para os que virán”, din, lembrando que iniciaron esta andaura “a peito descuberto pero coa ilusión e o respaldo de centos de veciños, pequenos negocios, autónomos e empresas do pobo que desde o momento cero demostraron a súa disposición incondicional a colaborar con nós”. Un apoio que os animou a seguir por ese camiño, tendo previstas unha batería de actividades para os vindeiros meses. A primeira é xa esta fin de semana, coa celebración do Campionato de Enduro (Liga Café Las Candelas), cun circuíto de obstáculos na zona do Aguilón e unha proba cronometrada polos montes da Rúa.

 

IV edición do CaViño de Inverno. /Foto: Mónica G, Bellver.

De seguido, os días 4 e 5 conmemorarase o Día Mundial do Medio Ambiente con diferentes actividades destinadas á concienciación que van desde presentacións no Centro Cultural Avenida, á limpeza da beira do río coa colaboración dos centros educativos. Pechando o mes, os días 28 e 29 de xuño celebrarase a V edición do CaViño de Inverno, onde os protagonistas son os viños de Valdeorras, as propostas gastronómicas da hostalería local, a música tradicional e o Camiño de Inverno.

Ademais, esta mesma semana comezou  a campaña de “Potenciación do comercio local” coa decoración dos locais que decidan sumarse á campaña con maceteiros. Tamén sortearán dez xamóns entre todos clientes que merquen neses establecementos.

 

Unha das comparsas participante no desfile do I CarnaVrao. /Foto: Mónica G. Bellver.

E xa de cara ao mes de xullo, despois do éxito do ano dende a asociación están xa traballando na II edición do desfile do CarnaVrao e da cea popular na rúa Doutor Vila que na primeira edición reuníu a unhas 500 persoas.

Artigos relacionados

Back to top button