SanidadeÚltima hora

A Rúa seguirá concentrándose por “unha Primaria digna e un novo Centro de Saúde”

Así o aseguraban os sanitarios e usuarios do centro rues na concentración deste luns 14 de outubro

 

Levan case un ano concentrándose cada luns para reivindicar unha “Sanidade Primaria digna”, pero lonxe de mellorar a situación segue empeorando. “Agora quedamos sen dermatóloga e en Viana xa non hai médico. A situación é complicada e difícil de resolver”. Así de rotundo se mostraba o voceiro da Plataforma pola Sanidade da Rúa, Pablo Deramond, na concentración deste luns 14 de outubro na que usuarios e sanitarios, aguantaban a chuvia na entrada do Centro de Saúde, para reivincar unhas melloras que non chegan.

 

Pablo Deramond, representante da Plataforma pola Sanidade da Rúa.

 

Ante o deterioro da Primaria estanse mobilizando todos os Centros de Saúde de Galicia, pero no da Rúa, teñen ademais outra demanda que levan reclamando, sen resposta, dende hai vinte anos: a construción dun novo centro. A ese respecto, Deramond tamén asegurou que seguen na mesma situación. “O tema está en mans do Concello pero non nos contestaron por ningún medio e non sabemos en que punto se encontra a finca na cal podería ubicarse o novo centro, e a Consellería loxicamente dice que está á espera de recibir os terreos”. Deramond preguntou aos concelleiros presentes se tiñan algunha novidade e por alusións, o voceiro do PSOE Luis Fernández Gudiña, asegurou que “estamos convocados para o vindeiro mércores a unha comisión de Urbanismo na que entre outros temas irá o do terreo”.

Ante esta situación os asistentes acordaron por unanimidade seguir concentrándose asegurando que a Plataforma “é apolítica”, se ben cada partido “é libre de ter as iniciativas que queiran”.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button