A RúaConcellosÚltima hora

A Rúa será mañá a protagonista da Volta a España Feminina 2021

O pelotón fará dous pases pola vila valdeorresa, sobre as 11:30 e as 14 co conseguinte corte ao tráfico da estrada principal

Rúa Campogrande por onde pasará a ronda española. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

 

Mañá será un día grande para A Rúa, a gran protagonista da primeira etapa da Volta a España feminina. “Será unha boa oportunidade para lembrar que aquí se celebrou no seu momento unha gran proba ciclista que nós xa nós podemos abordar porque afortunadamente para os deportistas os cachés subiron”, di o concelleiro de Deportes da Rúa, José Vicente Solarat, asegurando que tamén terá un reporte económico, polo menos a nivel hoteleiro, “veñen 144 corredoras e un total de 300 persoas e moitas delas vanse aloxar aquí, así que será positivo para a vila”, conclúe.

A proba á que fai referencia Solarat é o Gran Premio Cuprosan, promovido polo xa falecido Santos Izquierdo, presidente da Peña Ciclista da Rúa, nos anos 60. A primeira proba profesional de ciclismo que se mantivo durante 33 anos e pola que pasaron os mellores ciclistas das décadas dos 60, 70 e 80, incluído Miguel Indurain. De feito, durante máis de 20 anos, o formato atractivo deste Gran Premio, cunha carreira en liña pola mañá, feita para os escaladores, e unha proba de eliminación pola tarde no circuíto urbano, feita para os velocistas, fixo da Rúa o epicentro do ciclismo de Galicia ata que, como todo o que chega tan alto, foi pouco a pouco esmorecendo ata a súa desaparición.

Por iso é importante o paso da Challenge by La Vuelta 21 por Valdeorras rematando na vila ruesa. Será mañá, xoves 2 de setembro cando as ciclistas inicien a I etapa, Estación de Montaña Manzaneda-A Rúa, para completar un total de 118,7 km de media montaña.

 

Pelotón da Volta a España feminina.

 

As corredoras sairán da estación rumbo á Pobra de Trives, de aí baixarán polo codos de Larouco, facendo o primeiro pase pola Rúa en torno ás 11:30h rumbo a Vilamartín de Valdeorras e O Barco. Na vila barquense collerán a OU 121 rumbo ao Alto da Portela (porto de 1ª categoría a 1.125 m) pasando entre outras pola localidade de Santigoso. Deixando atrás o porto, o pelotón comezará a baixar rumbo a Prada e A Veiga ata chegar ao municipio de O Bolo, pasado por Santa Cruz e continuando pola OU 533 rumbo á rúa Campogrande, na Rúa, onde estará situada a meta inédita a 303 metros de altitude en torno ás 13:50 horas.

Con motivo do pase do pelotón polo centro da vila verase afectado o estacionamento en varias rúas, segundo o bando emitido polo Concello. Tanto na Progreso como na Campogrande, no tramo que vai dende a Casa Consistorial ata o Hotel Espada (meta) non estará permitido estacionar entre as 17 horas de hoxe e as 16 horas de mañá. Ademais dende as 12:30 ata as 16 horas de mañá estará prohibido estacionar nas rúas San Antonio e Castelao.

Asemade, entre as 11 e as 15 horas de mañá haberá restricións puntuais de tráfico durante o desenvolvemento da Volta ao seu paso pola Rúa.

 

Artigos relacionados

Back to top button