SanidadeÚltima hora

A Rúa súmase á petición da Comisión de Participación Cidadá da Área Sanitaria de Valdeorras

A moción presentada polo PSdeG-PSOE e BNG-Asembleas Abertas foi aprobada por unanimidade no Pleno Municipal
O Pleno Municipal da Rúa aprobaba a moción por unanimidade./ Foto: Carlos G. Hervella.
O Pleno Municipal da Rúa aprobaba a moción por unanimidade./ Foto: Carlos G. Hervella.

Primeiro foi no Barco e agora na Rúa. Na tarde do 7 de setembro, o Pleno do Concello da Rúa aprobaba por unanimidade a moción presentada polo PSdeG-PSOE e BNG-Asembleas Abertas sobre a Área Sanitaria de Valdeorras.

A concelleira de Sanidade, Ana Fernández Vizcaya, era a encargada de defender a moción pola que se “instará ao Goberno da Xunta, á Consellería de Sanidade e á Xerencia do EOXI de Ourense a que, de forma inmediata, adopte as medidas necesarias para convocar de xeito inmediato a Comisión de Participación Cidadá da Área de Valdeorras”.

A moción inclúe asemade o acordo de “esixir a paralización do goteo da perda de persoal sanitario e que se dote ao Hospital Comarcal Valdeoras da tecnoloxía sanitaria adecuada”, expresando “o apoio do Concello da Rúa á Plataforma Sanitaria de Valdeorras” así como ao “mantemento dun sistema sanitario público, universal, gratuíto e de calidade”.

A concelleira de Sanidade da Rúa, Ana Fernández Vizcaya. /Foto: Carlos G. Hervella.
A concelleira de Sanidade da Rúa, Ana Fernández Vizcaya. /Foto: Carlos G. Hervella.

O Pleno ordinario aprobaba ademais por unanimidade a acta do Pleno anterior así como o calendario de festivos locais para 2016 que quedan fixados para os días 8 e 22 de agosto, coincidindo coas festas da Estación e de San Roque.

Con respecto ao apartado de mocións, ademais da aprobación do referente a sanidade, o Partido Popular retiraba a súa “referente á retirada de símbolos das dependencias municipais” por non ser competencia do pleno; mentres que era aprobada cos seis votos a favor do grupo de goberno e cinco en contra do PP, a da C.I.G. “de apoio á proposición da lei de medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza”.

Artigos relacionados

Back to top button