A RúaConcellosÚltima hora

A Rúa tampouco celebrará este ano a Bacofesta

O apartado musical das festas de verán, do 6 ao 9 de agosto, correrá a cargo de catro charangas e o musical "Gisela Concert Kids"

Imaxe dunha edición da Bacofesta anterior á pandemia. /Foto: Torfy.

 

Tampouco este ano se celebrará a Bacofesta na Rúa. O ano pasado o Concello tomaba a drástica decisión de suspendela respondendo a criterios sanitarios e buscando garantir unha maior seguridade entre os cidadáns nun contexto de crise sanitaria provocada polo Covid-19, segundo indicaba no seu momento o concelleiro de Cultura, José Vicente Solarat.

Un ano despois o propio concelleiro confirma que este ano “non haberá Bacofesta”. Malia que a situación sanitaria mellorou considerablemente con respecto ao ano pasado, cunha alta porcentaxe da poboación vacinada, o brote de positivos en Valdeorras confirmaba a decisión. “Ademais a partida presupostaria das festas redúxose vendo que non había posibilidade de abordalas, así que facemos un esforzo importante no musical de Gisela Concert Kids, a voz de Disney en España, que se celebrará o 9 de agosto”, explica José Vicente Solarat, adiantando que o organizarán (de pé ou en cadeiras) en función da evolución da pandemia.

Con respecto ás festas de verán, Solarat afirma que se centrarán na actuación de catro charangas, unha por día, do 6 ao 9 de agosto (Takicardia, Louband, Támega e TDB); ademais dun parque de atraccións permanente para os nenos no Aguillón do 26 de xullo ao 4 de agosto; un espectáculo de danza; tres sesións de autocine; e os campamentos de fútbol, hóckei e baloncesto; entre outras pendentes de confirmación. Todo no Aguillón e coas medidas sanitarias pertinentes.

Artigos relacionados

Back to top button