ConcellosÚltima hora

A Rúa vestirase novamente de gala para celebrar a II edición do CarnaVrao

O desfile celebrarase o sábado a partir das 19:30h. e a noite anterior terá lugar a cea na rúa Doutor Vila
Asistentes á cea popular do CarnaVrao de San Cristóbal o ano pasado./ Foto: Mónica G. Bellver.

Despois dunha intensa fin de semana ao ritmo do CaViño, A Rúa prepárase para outros dous días especialmente activos. Mañá, venres 5 de xullo ás 20h. os representantes da Asociación Sociocultural San Cristóbal farán unha presentación no Centro Cultural Avenida e de seguido , en torno ás 22 horas, celebrarase a II cea popular na rúa Doutor Vila. Despois do éxito do ano pasado, no que superaron as expectativas con máis de 500 persoas, o bo ambiente e a festa ata que o corpo aguante, están garantidos. Ademais, no acto entregaranse os premios da campaña “apoia ao comercio” e sortearanse dous premios de 300 euros.

 

Desfile da I edición do CarnaVrao. /Foto: Mónica G. Bellver.

Con todo, o prato forte da programación estival da Asociación San Cristóbal que nacía hai pouco máis dun ano para animar e promocionar a vida cultural, social e económica da vila, chegará o sábado 6 de xullo en forma de desfile. A partires das 19:30h. dende a cooperativa Virxe das Viñas sairán os participantes na II edición do CarnaVrao, un desfile de disfraces, comparsas, folións e charangas que repetirán o percorrido do Entroido, rematando na rúa Doutor Vila. Haberá premios para a mellor comparsa (200 euros para o 1º e 100 euros para o 2º); para o mellor folión (150 euros para o 1º e 100 euros para o 2º); e para o mellor disfrace individual (50 euros).

A programación de San Cristóbal compretarase o mércores 10 de xullo con misa solemne na igrexa de Nosa Sra. de Fátima, en Fontei ás 20h; bendición de coches ás 20:30h. no adro; e ruta de benditos pola Rúa e Petín.

Artigos relacionados

Back to top button