En portadaÚltima hora

A Rúa vive a primeira xornada coas novas restricións

Cumprindo coa norma, os establecementos hostaleiros pechaban ás cinco da tarde

 

O novo aumento de casos activos nesta semana (con 24 no día de hoxe), facía que o Subcomité Clínico que segue a pandemia do Covid-19 en Galicia, endurecese as restricións no concello da Rúa, pasando do nivel básico ao medio-alto.

Coas novas medidas, de novo é a hostalaría unha das máis afectadas, véndose obrigada a pechar ás 17 horas, cun 30% de aforo no interior e 50% no exterior. Tamén se limitan as agrupacións de carácter social e familiar na vía pública, en espazos de uso público e privado, a un máximo de 4 persoas salvo conviventes e queda restrinxida a mobilidade nocturna de 23 a 6h. ademais das limitacións especiais de mobilidade, cun confinamento perimetral. O comercio (locais e establecementos) quedan cun aforo limitado ao 50%.

 

Controis da Garda Civil, na Rúa.

 

O novo nivel de restricións entraba en vigor na madrugada deste sábado 12 de decembro, sendo acatado pola poboación. De feito ás cinco da tarde, os establecementos hostaleiros estaban xa pechados, tal como pode comprobarse na galería de imaxes. Para controlar o peche e tamén o acceso á vila, ao longo da xornada sucedéronse os controis por parte da Garda Civil.

Ademais das medidas acordadas no Decreto e Orde do 11 de decembro publicados no DOG, por parte do Concello adoptaron unha serie de medidas de prevención  que implican o peche da actividade do Centro Cultural Avenida;  a suspensión da actividade nas instalacións deportivas; a suspensión da actividade das escolas de música desenvoltas na Casa da Cultura; e o peche dos parques infantís.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button